Nuremberg

Nuremberg

Cidade do land de Baviera, Alemaña (486.628 h [2000]). Capital histórica de Franconia, sitúase á beira do Pegnitz, nun cruzamento de vías entre os portos italianos e as cidades hanseáticas do N, entre o Rin e o Danubio. Tivo un papel importante na historia alemá e forma unha conurbación industrial con Fürth e Erlangen. Das súas industrias destacan as de automóbiles, de maquinaria, de aparatos de precisión, químicas e papeleiras. En 1191 constituíuse como burgraviato pertencente aos Hohenzollern. Foi sede da dieta imperial en varias ocasións e nunha delas ditouse a Bula de Ouro (1356), que establecía o número dos electores imperiais. Os Hohenzollern intentaron anular o desenvolvemento das liberdades municipais, o que provocou unha guerra civil entre os señores e a cidade entre 1388 e 1389. Finalmente, os Hohenzollern cedéronlle o seu feudo á cidade en 1427, pero o contrato de cesión, mal interpretado, deu lugar ás guerras dos margraves (1449-1450 e 1552-1553). Durante os ss XV e XVI beneficiouse do favor imperial e experimentou unha grande expansión comercial, e a comezos do s XVI era un dos centros máis destacados de Europa en canto a finanzas e a industrias artesanais. A última guerra dos margraves contra os Hohenzollern e a decadencia do comercio báltico e mediterráneo marcaron o seu declive económico, agravado durante os ss XVII e XVIII pola Guerra dos Trinta Anos. En 1806, xunto coa constitución da Confederación do Rin, perdeu a independencia, e polo Tratado de Pressburg incorporouse ao Reino de Baviera, pero obtivo a autonomía administrativa en 1811. Durante o s XX interveu de forma destacada na política alemá e, a partir da década de 1920, foi un dos núcleos nazis máis importantes. En setembro de 1935 promulgáronse as leis de Nuremberg, polas que a poboación alemá foi dividida en tres categorías étnicas, e tras a Segunda Guerra Mundial tivo lugar nela o Proceso de Nuremberg. Do seu patrimonio cultural destacan as murallas de época medieval (ss XIV-XV), a Sebalduskirche (s XIII) e a Marienkirche (s XIV), ambas as dúas reconstruídas.