olímpico -ca
(< lat olympĭcu < gr ὀλυμπικός)
-
adx
Relativo ou pertencente ao monte Olimpo ou aos deuses que, segundo a mitoloxía, o habitaban.
-
adx
Relativo ou pertencente á cidade de Olimpia e aos xogos e ás festas que alí se celebraban.
-
adx e s
Que ou quen participa nos xogos olímpicos.
Ex: Os atletas olímpicos galegos volveron satisfeitos. Os olímpicos alemáns destacaron pola súa forza.
-
xogos olímpicos
-
[HIST]
Festas relixiosas, culturais e deportivas, as máis antigas e famosas das catro festas nacionais gregas, celebradas cada catro anos na antiga cidade de Olimpia. Acéptase o 776 a C como data da primeira celebración, xa que é a que aparece na lista dos vencedores, escrita por Hipias de Élide no s V a C. Ao principio só contaban coa participación de persoas da Élide, pero gradualmente medrou a súa popularidade, o que fixo acudir xente de toda Grecia, e mesmo das colonias de Occidente e de Oriente. O acto inaugural consistía nunha serie de sacrificios no altar de Zeus, para honrar o deus. Os xogos comezaban cos exercicios ximnásticos, que constituían a parte central, aínda que, sucesivamente, fóronselle engadindo diversas modalidades. Así, os homes adultos competían en catro carreiras de velocidade: o estadio, o déaulos ou dobre percorrido, o dólicos ou carreira longa, e a carreira con armas; na loita, co puxilato e o pancracio; e no péntathlon. No hipódromo tiña lugar a carreira de cuadrigas e a carreira de cabalos con xinetes. No quinto día procedíase á proclamación dos vencedores, chamados olimpiánicos, que eran coroados con pólas de oliveira, e, ademais, honrados coa erección de estatuas e a dedicación de epinicios escritos polos poetas máis famosos, como Simónides, Baquílides ou Píndaro. Recibidos triunfalmente nas súas cidades, os vencedores obtiñan toda clase de honras públicas. Teodosio prohibiu estas festas en 393.
-
[DEP]
Competición mundial de xogos atléticos que ten lugar cada catro anos nunha cidade que se escolle para ese fin, e en que participan deportistas, polo xeral, profesionais, se ben nas primeiras edicións dominaban os atletas afeccionados. Este tipo de competición foi instaurada no s XIX (xuño de 1894) pola iniciativa de Pierre de Frédy, barón de Coubertin, que estableceu as bases do movemento olímpico: en primeiro lugar, a creación dun Comité Olímpico Internacional (COI); en segundo lugar, a organización dos xogos cada catro anos, e en terceiro lugar, unha igualdade absoluta entre todos os deportistas admitidos no COI. Desde a súa creación, os xogos olímpicos da era moderna organizáronse en Atenas (1896 e 2004), París (1900 e 1924), Saint Louis (1904), Londres (1908 e 1948), Estocolmo (1912), Anveres (1920), Amsterdam (1928), Los Angeles (1932 e 1984), Berlín (1936), Helsinqui (1952), Melbourne (1956), Roma (1960), Toquio (1964), Cidade de México (1968), Múnic (1972), Montréal (1976), Moscova (1980), Seúl (1988), Barcelona (1992), Atlanta (1996) e Sydney (2000). As edicións de 1916 (Berlín), 1940 (Helsinqui) e 1944 (Londres) suspendéronse por motivos bélicos. Teñen unha duración aproximada de dúas semanas e comezan cunha cerimonia de inauguración, en que hai un desfile dos participantes, chega a chama olímpica ao estadio para prender o pebeteiro que preside os xogos, e se realiza o xuramento olímpico baixo a bandeira branca. En todos os deportes prémianse os tres primeiros clasificados cunha medalla de ouro, unha de prata e unha de bronce. Os restantes clasificados, desde o cuarto ao oitavo posto, reciben un diploma olímpico. Os deportes que comprende o programa olímpico son: atletismo, bádminton, baloncesto, balonmán, béisbol, boxeo, ciclismo, esgrima, fútbol, halterofilia, hípica, hockey herba, judo, loita libre, natación, natación sincronizada, pentatlón moderno, piragüismo, piragüismo en augas bravas, remo, saltos de trampolín, softball, taekwondo, tenis, tenis de mesa, tiro con arco, tiro olímpico, triatlón, vela, voleibol, volei-praia, wáter-polo, ximnasia artística, ximnasia rítmica e ximnasia en cama elástica.
-
[HIST]
-
xogos olímpicos de inverno
[DEP]
Deportes de neve organizados en olimpíada. Desde 1905, os países escandinavos organizaron os xogos nórdicos, que, a partir de 1924, foron recoñecidos como olímpicos. Os deportes que comprenden son: biatlón, bobsleigh, combinada nórdica, curling, esquí alpino (descenso e slálom), esquí nórdico (ou de fondo), esquí artístico, hockey sobre xeo, luge, patinaxe artística, patinaxe de velocidade, patinaxe en pista curta, saltos de esquí, skeleton e snowboard. Celebráronse en Chamonix (Francia) en 1924, Saint Moritz (Suíza) en 1928 e 1948, Lake Placid (EE UU) en 1932 e 1980, Garmisch-Partenkirchen (Alta Baviera) en 1936, Oslo (Noruega) en 1952, Cortina d’Ampezzo (Italia) en 1956, Squaw Valley (EE UU) en 1960, Innsbruck (Austria) en 1964 e 1976, Grenoble (Francia) en 1968, Sapporo (Xapón) en 1972, Sarajevo (Bosnia) en 1984, Calgary (Canadá) en 1988, Albertville (Francia) en 1992, Lillehammer (Noruega) en 1994, Nagano (Xapón) en 1998, e Salt Lake City (EE UU) en 2002.