Obrero, El

Obrero, El

Semanario publicado en Ferrol a partir de 1910. Subtitulado “Órgano de la Agrupación Socialista Ferrolana y defensor de la clase trabajadora”, foi un dos periódicos obreiros de andaina máis longa. Apareceu como semanario socialista e converteuse en voceiro oficial da Agrupación Socialista de Ferrol tres anos máis tarde. Suspendido durante a Ditadura de Primo de Rivera, reapareceu en 1930. Logo dun peche gobernativo entre outubro de 1934 e abril de 1935, seguiu editándose ata a Guerra Civil Española. Durante a Segunda República foi dirixido por Marcial Fernández, Manuel Morgado e, por último, por Xaime Quintanilla, asesorado por un consello de redacción. As súas páxinas fomentaron a controversia entre os partidarios galegos das teses esquerdistas de Largo Caballero e os defensores da liña moderada adoptada polo PSOE durante o primeiro bienio republicano. Así mesmo, El Obrero contou coa colaboración de prestixiosas sinaturas do socialismo español como Luis Araquistain, Andrés Saborit, Sócrates Gómez, ou o propio Largo Caballero.