Oca, pazo de

Oca, pazo de

Construción situada en Oca (A Estrada). Ergueuse durante o s XVII, sobre as ruínas dunha fortaleza do s XV, e finalizouse en 1730. Foi propiedade de Sueiro de Oca, que o perdeu en 1477 ante o arcebispo de Santiago de Compostela, Alonso I de Fonseca. En 1586 comprouno María de Neira e un dos seus descendentes entroncou cos Gayoso. Pertence á casa ducal de Medinaceli. A parte máis antiga do pazo, construída en 1733 polo señor de Oca, Andrés Gayoso Ozores y Sotomayor, ten dúas ás en forma de L con dous andares e ten anexada unha torre, de planta cadrada e ameada. No andar inferior da fachada principal abriuse a porta e no superior un balcón. Na fachada posterior leva un pórtico cunha escalinata que descende ao patio, onde estaban as vivendas da servidume e as cortes; unha importante balaustrada na parte superior facía a función de solaina. Á vivenda uniuse unha capela dedicada a santo Antón, construída entre 1731 e 1752, con planta de cruz latina e anexada a través dunha balconada que permitía o acceso directo entre as dúas construcións. Durante o s XIX construíuse unha galería, a escaleira principal, o banco de pedra e a escaleira baixo o portal da entrada principal. No exterior destacan os xardíns, de estilo francés, en que a auga é un dos elementos principais. Conta con dous estanques, o de abaixo ten no centro un pequeno illote amodo de barca, entre eles atópase un pasadizo de pedra. Conta cunha gran variedade de especies, moitas delas exóticas, entre as que destaca un exemplar de Camellia reticulata, considerado o máis antigo de Europa. Foi declarado Ben de Interese Cultural (1997).