Oklahoma
Estado de EE UU, que limita ao N co de Kansas, ao O cos de Novo México e Texas, ao S con Texas e ao L con Arkansas e Missouri (181.186 km2; 3.450.654 h [2000]). A súa capital é Oklahoma City. Predominan no relevo as chairas e os altiplanos sedimentarios, aínda que ao L se elevan as Ozark Mountains, ao S os montes Arbuckle e ao O os montes Wichita. As cidades máis importantes son a capital e Tulsa. Hai cultivos de trigo e de millo, e tamén de algodón, con baixos rendementos, pero o recurso principal é a minaría, con grandes xacementos de petróleo, gas natural, chumbo, hulla e cinc. Foi explorado por Francisco Vázquez de Coronado (1541) e por Diego del Castillo (1650). R. R. La Salle incorporouno a Louisiana en 1682 e durante o s XVIII foi exclusivamente un territorio de caza e exportador de peles. En 1803 pasou a EE UU. Desde 1834 establecéronse nel diversas reservas indias como a dos cherokees, chickasaws, choktaws e seminole, polo que foi coñecido como o Territorio Indio. A finais do s XIX intensificouse a colonización branca, sobre todo cando se descubriu petróleo. En 1907 converteuse no 46º estado da Unión.