Olimpia
Cidade da Grecia antiga, na rexión de Élide, en Peloponeso noroccidental. Habitada na fin do segundo milenio a C, os seus poboadores denominárona Olimpia en recordo do monte Olimpo. Viviu sempre a expensas do santuario (o Altis sagrado), que se converteu, a partir do primeiro milenio a C, nun dos lugares principais de culto a Zeus. Centro relixioso e cultural do mundo grego antigo, sobre todo por mor da implantación dos xogos olímpicos, foino tamén do deporte, tanto no seu aspecto competitivo coma no ético e relixioso. Este encontro constituía daquela unha ocasión para o intercambio cultural, posto que ao lado dos xogos foron dadas a coñecer as obras principais do pensamento e da literatura, así como o sistema económico e político. Ao ser prohibidos no s IV, a cidade e o santuario entraron en decadencia. En 1875 iniciáronse os traballos de escavación, dirixidos por arqueólogos alemáns e descubríronse os monumentos do Altis sagrado, entre os que destacan o templo de Hera, o máis antigo do recinto, dórico, anfipróstilo e hexástilo; e o monumental templo de Zeus, dórico, anfipróstilo e períptero, construído por Libón de Élide entre 470 e 456 a C, e que gardaba a estatua criselefantina do deus, obra de Fidias, e os relevos escultóricos dos frontóns que representan a loita entre Pélops e Enómao, con Zeus no centro, e o combate entre os centauros e os lapitas, con Apolo no centro. Sobresae tamén a monumental exedra de Herodes Ático; e o Filipeion ou templete circular feito construír por Filipo V de Macedonia ante o templo de Hera, o Pritaneo. Pola outra banda das murallas do Altis aínda se atopa o ximnasio, a palestra, a casa dos sacerdotes e o taller de Fidias. A zona arqueolóxica foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1989).