Oliva, La

Oliva, La
[PUBLIC]

Periódico publicado en Vigo a partir do 2 de febreiro de 1856. Cesou o 13 de marzo de 1857. Saíu dúas veces por semana baixo o subtítulo “Periódico de política, literatura e intereses materiales”, “Periódico de literatura e intereses materiales” e “Periódico de Galicia” (desde o número 106). Fundado e elaborado por Xosé Ramón Fernández, editouse nos obradoiros de Xoán Compañel, quen tamén foi colaborador, xunto con Miguel Vidal, Atanasio Fontano ou Alexandre Chao. De tendencia progresista, concedeulle grande importancia á historia e á literatura galega. Contou con Manuel Murguía como director literario, encargado de redactar un folletín e dar a coñecer os máis destacados autores da época en Galicia, como E. Pondal, A. Aguirre ou A. Brañas. Foi suspendido por orde gobernativa e substituído por El Miño (1857). Reapareceu o 1 de outubro de 1868.