Ons, illas

Ons, illas

Arquipélago formado por dúas illas principais, a de Ons e a de Onza, que pecha a ría de Pontevedra. O extremo occidental do arquipélago é o illote de Centolo Grande, a 42° 23’ de latitude N, mentres que o confín meridional, puntal da Onza, está situado a 42° 20’ de latitude N. De L a O esténdese entre os 8° 55’ e os 8° 57’. As dúas illas presentan unha orientación N-S, separadas polo canal de Freu da Porta, e están dominadas por materiais graníticos que lle confiren un relevo en cantís cara ao océano e areais cara a ría de Pontevedra. Administrativamente, constitúe unha parroquia do concello de Bueu, A Illa de Ons. Foi declarado Parque Nacional das Illas Atlánticas en xullo de 2002 xunto cos arquipélagos de Cíes, Cortegada e Sálvora. O medio terrestre presenta un clima mediterráneo húmido e oceánico, con temperaturas que oscilan entre os 12-16°C e cunhas precipitacións de 900 a 1.600 mm, e está enclavado dentro do sector galaico-portugués. O medio forestal presenta un alto grao de transformación, cuxa vexetación orixinal potencial podería estar formada por cerquiños (Quercus pyrenaica) e salgueiros (Salix sp), e as asociacións Rusco aculeati-Quercetum roboris, que foron substituídas. Esta vexetación atópase nun estadio intermedio de evolución debido á deforestación, aos incendios e á plantación de especies exóticas como a superficie arbórea formada por piñeiros (Pinus pinaster) e eucaliptos. Son abundantes as cubertas de uceiras húmidas atlántico-meridionais de Erica tetralix e E. ciliaris, toxeiras e xestas, e dentro destas destaca o endemismo Cytisus atlanticus, do que se descubriron certas poboacións na illa de Ons nos últimos tempos. É importante a flora endémica que se atopa nos cantís, como o Rumex rupestris e Angelica pachicarpa, que empregan os corvos mariños cristados (Phalacrocorax aristotelis) para a construción dos seus niños e que está considerada como vexetación anual pioneira sobre restos mariños acumulados; a herba de namorar (Armeria), a Iberis umbellata e a Calendula algarbiensis, que constitúen os representantes da vexetación de cantil das costas atlánticas. De todas as comunidades vexetais, probablemente as de maior interese son as dos cantís, como os pasteiros graminoides aero-halófilos da asociación Crithmo-Armerietum pubigerae e da asociación halo-casmofítica Dauco-Festucetum pruinosae, e as dos complexos praia-duna, como as comunidades leñosas de Iberidetum procumben, pasteiros vivaces como Violo-Silenetum littoreae e pasteiros anuais de Linario-Corynephtisoretum canescentis. O principal problema para a conservación é a presión humana xunto coa introdución de plantas alóctonas, de crecemento moi rápido e de carácter invasor, que desprazan ás autóctonas e dan lugar a una situación preocupante especialmente nos complexos dunares de gran valor botánico. Debido á elevada biomasa que presenta e ás abundantes formacións de uces e toxos, o risco de incendio é elevado. En canto á fauna, destacan as importantes colonias de corvo mariño cristado e gaivota patiamarela, que están distribuídas polos cantís e os grandes núcleos reprodutores das Illas Cíes e das Ons, e que albergan a metade das parellas peninsulares. Habitan tamén miñatos, lagarteiros, pombas bravas, coellos, lagartos ocelados, sapiños pintoxos, limpafontes, cirrios grandes e cobras riscadas. O medio mariño presenta augas claras, cunha media de temperaturas de 13-16°C no inverno e 12-18°C no verán, e cunha salinidade de 33-36 partes por mil. Dentro da fauna bentónica mariña, hai un elevado número de especies de moluscos dos que destaca o Octopus vulgaris, e en canto á poboación de algas destaca o grupo das algas pardas que forman bosques que tapizan os fondos. O estado de conservación dos fondos mariños é bo pero existe un factor de risco asociado aos contaminantes orgánicos, á contaminación por hidrocarburos, á contaminación difusa da ría, á sobreexplotación de recuros e ao uso de artes de pesca ilegais.