Opus Dei

Opus Dei

Prelatura persoal da Igrexa Católica, fundada en Madrid, o 2 de outubro de 1928, por san Xosemaría Escrivá de Balaguer y Albás. Foi erixida en prelatura persoal polo Papa Xoán Paulo II en 1982, e o seu primeiro prelado foi monseñor Álvaro del Portillo y Díez de Sollano. A súa finalidade baséase na contribución á misión evanxelizadora da Igrexa, por medio da promoción entre os fieis cristiáns dunha vida plenamente coherente coa fe nas circunstancias cotiás da existencia humana e especialmente a través da santificación do traballo. Para acadar ese fin, a prelatura proporciona formación espiritual e atención persoal aos seus propios fieis e tamén a outras persoas. Xerarquicamente está formada por un prelado co seu propio clero e por laicos, que se incorporan libremente á prelatura. Os seus membros, homes e mulleres, realizan o seu apostolado, baixo o goberno e a dirección do prelado e dos seus vicarios, e coa asistencia pastoral do clero da prelatura. A curia prelaticia do Opus Dei ten a sé en Roma.
O Opus Dei en Galicia
San Xosemaría estivo por primeira vez en Galicia no Ano Santo de 1938, pero os seus primeiros seguidores chegaron no ano 1943. Amadeo de Fuenmayor e Laureá López i Rodó, catedráticos da facultade de Dereito establecéronse en Santiago de Compostela e instalaron en 1945 o primeiro Centro da Obra en Galicia. Estes profesores, baixo o pulo de san Xosemaría, promoveron a construción do colexio maior La Estila (1948) coa colaboración de persoas e institucións galegas. Desde aí espallouse a actividade apostólica a diversas localidades de Galicia como A Coruña (1960) e Vigo (1961). En 1977 inaugurouse o colexio maior Arosa (Santiago de Compostela). Tamén contan con centros de encontros e convivencias como El Pedroso (Santiago de Compostela 1956), Olbeira (Vilanova de Arousa, 1982) e Montecelo (San Pantaleón das Viñas, 1994), onde se celebran retiros espirituais e outras actividades. Algúns fieis da prelatura, xunto a outras persoas, levan adiante labores educativos, asistenciais e culturais, que procuran responder a necesidades reais do seu propio ámbito e que realizan cunha marcada finalidade de servizo. Neste senso, constituíronse en Galicia as Escolas Familiares Agrarias, como as de Coristanco, As Neves e Arzúa. Nelas materializan o desexo de san Xosemaría de formar a xuventude do medio rural de maneira que evite a emigración forzosa á cidade. Por iniciativa de numerosos pais e nais de familia, creáronse os colexios Montecastelo, Las Acacias e Aloya en Vigo, e Montespiño e Peñarredonda na Coruña, cuia formación espiritual está encomendada a sacerdotes da prelatura.