ordenanza

ordenanza

(< ordenar)

    1. s f [DER]

      Norma obrigatoria que dita calquera autoridade non lexislativa para o ben público, normalmente as administracións locais no ámbito das súas competencias, aplicando unha lei ou un decreto que se chama poder regulamentario. Desde as leis municipais españolas do s XIX, os concellos estaban facultados para a formación e aprobación das súas ordenacións locais, e outras sobre determinados servizos. OBS: Adoita empregarse en plural.

    2. s f [DER]

      Conxunto de preceptos que regulamentan a vida e o funcionamento de determinados colectivos.

    3. ordenanza militar [BÉL]

      Ordenanza que regula o réxime ou a disciplina do exército. Nos reinos hispánicos, a ordenanza militar castelá máis antiga é de 1503; despois desta xurdiron outras, unhas locais, outras particulares ou especiais, ata que foron promulgadas por Carlos III (1768) e tiveron unha norma aclaratoria en 1769. No s XIX e a comezos do s XX intentáronse diversas reformas, pero só algúns regulamentos especiais chegaron a introducir modificacións.

    4. ordenanzas de Bilbao

      Conxunto de ordenanzas de comercio propias de Bilbao, vixentes do s XV ao XIX. En 1459, a cidade dispoñía dunhas ordenanzas primitivas para o comercio marítimo, aseguranzas e navegación. Creado o consulado para a Casa de Contratación, Carlos I formou unhas novas ordenanzas en 1511. Reformadas en 1731, o comercio de Bilbao demandou unhas novas, aprobadas en 1737, que subsistiron ata o código de comercio de 1828.

  1. s [BÉL]

    Soldado que está baixo as ordes dun oficial para asuntos de servizo.

  2. s

    Persoa que está empregada como subalterna nunha oficina.