Ordes, comarca de
Comarca situada no centro-N da Comunidade Autónoma de Galicia e no centro da provincia da Coruña. Limita ao N coas comarcas de Bergantiños (concello da Laracha), A Coruña (concellos de Culleredo, Carral e Abegondo) e Betanzos (concellos de Cesuras e Curtis), ao L coas de Betanzos (concello de Vilasantar) e Arzúa (concello de Boimorto), ao S coas de Arzúa (concellos de Boimorto, Arzúa e O Pino) e Santiago (concello de Santiago de Compostela) e ao O coas de Santiago (concello de Val do Dubra), Xallas (concello de Santa Comba) e Bergantiños (concellos de Coristanco e Carballo). Abrangue unha superficie de 754,7 km2en que acolle unha poboación de 37.752 h (2001), distribuída entre os concellos de Cerceda (110,9 km2; 5.390 h), Frades (81,7 km2; 3.006 h), Mesía (106,8 km2; 3.296 h), Ordes (157,3 km2; 11.963 h), Oroso (72,1 km2; 5.530 h), Tordoia (124,5 km2; 4.847 h) e Trazo (101,4 km2; 3.720 h). Trátase dunha comarca esencialmente rural, en que destaca Ordes, vila de notable crecemento grazas ao seu carácter de cabeceira comarcal e de certo desenvolvemento fabril.
Xeografía física
A comarca esténdese polas penechairas que forman a marxe dereita da conca do curso medio do río Tambre, nun espazo que marca a transición entre os relevos residuais que a separan dos vales dos ríos Xallas, Anllóns, Mero e Mandeo. As pendentes son moi moderadas e van desde o máximo cumio que se acada en monte Cerdeira, con 595 m de altitude ata o río Tambre, que no punto máis baixo do seu percorrido pola comarca, está ao redor dos 150 m. Predominan os materiais xistosos (formación ollo de sapo), a excepción dalgúns enclaves no N, en que aparecen granitos. A modelaxe destas terras, basicamente xerada a partir da acción fluvial, dá como resultado formas moi suaves, con predominio de relevos achairados que están delimitados por macizos. Só no extremo noroccidental aparecen formas máis definidas, como nos montes de Xalo ou na serra de Montemaior, debido á acción erosiva sobre materiais plutónicos. Pódense diferenciar franxas de dirección L-O ou SO-L, unha delas correspondente aos relevos residuais que delimitan a bacía do Tambre polo N. De SO a NL sucédense serras con altitudes comprendidas entre os 400 e 600 m, que apenas están resaltadas sobre a penechaira de Ordes, aínda que si sobre os vales das mariñas coruñesas e betanceiras. Situados no O da comarca están os montes do Castelo, de 568 m, aliñación que segue unha dirección N-S e serve de límite coa conca do río Xallas. Máis ao NL atópase a serra de Montemaior, en que destacan os cumios Cerdeira (595 m) e Pedrouzos (518 m), que segue unha dirección SO-NL e marca o límite coa conca do Anllóns. Os montes de Xalo e Pantín, son bloques erguidos de cumios achairados e separados entre eles por pequenos vales que marcan o límite coa bacía do río Mero. Por último, están os montes da Tieira (509 m), aliñación de dirección NO-SL que no NL da comarca marca os límites coa conca do Mandeo. O sector central é unha penechaira con altitudes comprendidas entre os 300 e 400 m de altitude, en que os cursos fluviais dan lugar a vales de fondo plano e moi amplo, que apenas están delimitados por interfluvios. O val do Tambre é unha franxa estreita con altitudes entre os 200 e 250 m, que se vai pechando cara ao O, xa que atravesa perpendicularmente unha aliñación montañosa de altitudes que superan os 500 m. O clima pode encadrarse dentro do dominio oceánico hiperhúmido, xa que non existen grandes contrastes ante a ausencia de barreiras orográficas. As temperaturas son suaves (12,3°C de media anual), non existen grandes oscilacións térmicas, xa que os veráns son temperados (18,3°C no mes máis cálido) e os invernos non son moi fríos (7,1°C para o mes máis frío). As precipitacións son moi abundantes, chegan aos 1.683 mm. A rede hidrográfica está case totalmente integrada na conca do río Tambre, só os extremos N e NL de Cerceda, non pertencen a esta conca, xa que nestas terras nacen afluentes do río Mero. O río Tambre delimita polo S a comarca, cunha dirección L-O, entra no concello de Frades e inicia un percorrido polos de Oroso e Trazo. O Maruzo, afluente do Tambre, drena o extremo L da comarca cunha dirección NL-SO e desemboca tras recibir ao Gaiteiro. Outro tributario é o Samo que drena o concello de Mesía, o O de Frades e o L de Ordes e de Oroso. O segundo río en importancia da comarca é o Lengüelle, que segue unha dirección N-S e drena o centro da comarca formando unha densa rede hidrográfica. Este nace en Cerceda nos contrafortes da serra de Montemaior, e desemboca no Tambre tras drenar o O de Cerceda, Tordoia, centro e O de Ordes, O de Oroso e L de Trazo. Entre os afluentes do Lengüelle destacan o Pórtigo de Vilasenín, o Biduído e o Pontepedra. Finalmente, o río Dubra, afluente do Tambre, percorre a comarca en escasos km. A vexetación natural está moi degradada pola acción antrópica, tanto polas cavaduras na procura de superficies para cultivar como polas intensas repoboacións de amplas superficies de eucaliptos e piñeiros. Aínda así, quedan exemplos de carballos e, sobre todo, extensas áreas de vexetación ripícola que seguen os cursos dos abundantes ríos da comarca. Nas áreas máis altas hai bidueiros, e extensas áreas de mato nas superficies de solos máis pobres, toxais e xestas.
Xeografía humana
A poboación da comarca de Ordes caracterizouse por unha evolución en que é visible o contraste entre os dous primeiros terzos do s XX, marcados por un moderado crecemento, e o resto do século, que se caracteriza por unha moderada e continuada perda de efectivos. En 1900 a poboación cifrábase en 30.167 h mentres que en 2001 contaba con 37.752 h, o que implicou un crecemento global do 25,43%, cun máximo en 1960 cando acadou os 45.797 residentes. Os factores que explican esta traxectoria son os propios dunha comarca agropecuaria cun grao de industrialización modesto. Tras unha primeira fase en que o dinamismo natural compensaba unha moderada emigración, o equilibrio rompeuse na década de 1960, en que a forte emigración cara ás cidades próximas (A Coruña e Santiago de Compostela), aos países europeos máis desenvolvidos e ás rexións españolas máis industrializadas, motivaron unha notable regresión da que non se recuperou a pesar do dinamismo que amosou polo eixe Ordes-Sigüeiro. O primeiro terzo do s XX foi de moderado crecemento (0,41% interanual entre 1900 e 1920) grazas a unha visible corrente emigratoria cara a países como Arxentina e Cuba, pero que non rebordou a unha natalidade en alza. A comarca acadou o seu máximo crecemento no segundo terzo do s XX, concretamente entre 1920 e 1950 cando creceu un 1,22% interanual, grazas á decadencia temporal dos movementos emigratorios ante as dificultades dos tradicionais focos receptores de migracións (América do Sur), e por causa da Guerra Civil Española e o illamento sufrido na primeira posguerra. A década de 1950 foi de moderado crecemento (0,28% interanual) ao desaparecer os factores negativos que frearon os movementos emigratorios na etapa precedente. A década de 1960 tivo unha forte emigración, debido ás consecuencias do plan de estabilización que afectou a esta comarca netamente rural, que minguou un -1,10% interanual. Entre 1970 e 1991 a contracción demográfica continuou (-0,48% interanual), pero moito máis moderada grazas ao papel de Ordes; que se converte pouco a pouco nun centro industrial, que atraeu poboación do resto da comarca. Entre 1991 e 2001 iniciouse unha etapa de leve recuperación (0,24% de crecemento interanual), en parte impulsado polo dinamismo da vila de Ordes pero, sobre todo, polo papel de Sigüeiro como receptor de parte do crecemento da veciña cidade de Santiago de Compostela. Os máximos incrementos por concellos durante o s XX corresponden ao sector central da comarca, ao longo do eixe A Coruña-Santiago de Compostela, polo que Ordes viu incrementar o seu censo nun 64,78% e Oroso nun 71,15%. Os concellos máis occidentais creceron de xeito moderado (Cerceda, 12,22%; Tordoia, 30,75%) ou permaneceron estancados (Trazo, 2,20%) e os orientais perderon poboación (Frades, -9,7%; Mesía, -21,49%). É unha comarca relativamente nova, xa que a poboación de menos de 20 anos representa pouco máis da quinta parte dos efectivos demográficos (22,08%), fronte aos maiores de 65 anos que están por debaixo (19,09%). A situación varía sensiblemente por concellos, pois se Frades, Ordes e Oroso cumpren os patróns comarcais, non acontece o mesmo no resto da comarca que está moi avellentada. Por sexos predominan as mulleres sobre os homes, sumando as primeiras o 50,92% da poboación.
Xeografía económica
A agricultura posúe unha gran relevancia, de feito é o segundo sector da economía (22,02%). A magnitude do sector por concellos é diferente, mentres que en Frades ocupa ao 52,5% da poboación activa, en Oroso ocupa ao 22,9%. A comarca ten una notable especialización na gandaría vacúa e a actividade agraria xira ao redor de explotacións centradas na comercialización do leite. A superficie cultivada representa o 27,88% do territorio comarcal, e oscilan as magnitudes entre o máximo marcado por Trazo (44,58%) e o mínimo de Mesía (18,46%). Os principais cultivos son as forraxes (53,83% da superficie cultivada), o millo (18,50%) e o trigo (9,18%), cultivos que remarcan a especialización gandeira da comarca, pois o seu destino principal é a alimentación animal. As superficies de prados acadan un 9,54%, unha superficie moderada que está complementada pola notable extensión dos cultivos forraxeiros. O gando porcino está orientado tanto á reprodución como á ceba, concentrándose o groso do armentío en Cerceda. A industria representa o 21,06% da man de obra, e está polarizada por dous focos de distinta natureza, por unha banda a vila de Ordes cunha forte especialización na produción téxtil, e por outra a parroquia de Meirama (Cerceda) en que a presenza dun xacemento de lignitos permitiu a creación dunha central térmica. Fóra destes polos, a industria está representada por pequenos talleres e industrias de madeira, de materiais de construción, de cerámica, de industria metalúrxica e agroalimentaria, que están orientados a satisfacer demandas estritamente locais cun mercado que non reborda as fronteiras galegas. A construción mantén uns valores moderados en termos comarcais, xa que ocupa ao 16,20% da man de obra, que traballa en Ordes, Oroso ou nas áreas urbanas da Coruña ou Santiago de Compostela. Os servizos son a principal fonte de traballo co 40,72% do emprego, grazas fundamentalmente aos asentados na vila de Ordes e en gran medida a xente que traballa nos servizos composteláns e coruñeses. O principal centro do sector terciario é Ordes, cabeceira de partido xudicial, que é o centro de servizos médicos e educativos de carácter intermedio, e o principal centro comercial e financeiro. Fóra de Ordes, apenas existen centros de entidade, coa excepción de Sigüeiro, que dada a proximidade a Santiago de Compostela converteuse nunha vila dormitorio da capital galega con servizos básicos. A estrada N-550, da Coruña a Tui, e a autopista AP-9, de Ferrol á fronteira portuguesa, son os principais viais que atravesan o concello de Ordes de N a S pola súa porción central. Outras estradas destacadas son a estrada N-634, de Santiago de Compostela a Irún, que atravesa o extremo oriental da comarca. As comunicacións ferroviarias están representadas pola vía férrea que enlaza A Coruña con Medina del Campo.
Historia
Os primeiros vestixios arqueolóxicos que se atopan na comarca pertencen á cultura megalítica e entre eles destaca o dolmen dos Cabaleiros en Tordoia. Durante o período castrexo a comarca estivo densamente poboada, tal como o testemuñan os castros de Ceidón en Ordes; Brandoñas, As Croas, Liste e A Vila de Abade en Tordoia, e Calvente en Oroso. Tamén desta época apareceu un torque nas inmediacións do monte Castelo en Cerceda e o coñecido como Tesouro de Recouso en Oroso. Durante a Idade Media a comarca foi atravesada polo Camiño Inglés, vía de peregrinos que unía A Coruña con Santiago de Compostela. Na Baixa Idade Media estas terras pertenceron ao condado de Trastámara, orixe da dinastía que reinou en Castela durante os séculos XIV e XV. Situada durante o Antigo Réxime na provincia de Santiago, estivo dividida en varias xurisdicións, como as de Mesía, Folgoso, Montaos, Sobrado ou As Encrobas, moitas delas baixo a autoridade da mitra compostelá e dos condes de Altamira e Graxal ou dos marqueses de Astorga e Montaos. Cos primeiros concellos constitucionais, en 1822 formouse o partido xudicial de Ordes, primitivamente denominado de Trastámara, que consolidou a primacía desta vila sobre o conxunto da comarca. A comarca viviu as Guerras Irmandiñas, a e Guerra da Independencia, e foi testemuña do Pronunciamento de Porlier, das Guerras Carlistas, e do Levantamento de 1846 que rematou nos fusilamentos de Carral.
Patrimonio cultural
Entre as manifestacións artísticas destacan o castro de Cerceda no concello homónimo, os castros de Vilalbarro e Marzoa en Oroso e o de Lestrobe en Trazo. Da arquitectura relixiosa destacan as igrexas románicas de San Román das Encrobas en Cerceda, Santa Mariña de Gafoi en Frades, as de San Paio de Buscás e San Xulián de Poulo en Ordes, e as igrexas de San Xoán de Campo e San Pedro de Benza en Trazo; ademais das igrexas barrocas de San Miguel da Gándara e Santa Eulalia de Senra, ambas as dúas en Oroso, e a de San Sebastián de Castro en Mesía. A arquitectura civil está representada por numerosos pazos edificados ao longo dos s XVII e XIX, que amosan o esplendor do barroco e do neoclásico na comarca, como os pazos de Vilacova en Trazo, o pazo de Lago en Mesía, e os pazos de Peñasco, pazo de Galegos e a casa de Cruceiro en Frades, ademais do pazo de Gotón en Cerceda. Entre as festas que se celebran destacan as da Virxe do Carme en Cerceda e Tordoia, a romaría do Espírito Santo, as festas de Nosa Señora e San Martiño en Cerceda, a romaría de Augas Santas e as festas de San Paio e San Nicolao en Frades, a festa de Santa María en Ordes, a romaría da Cova dos Vales en Mesía, a festa de Santo Antón en Oroso e a romaría de Santa Eufemia e San Mateo en Trazo ou a festa de Santa María e a romaría da Virxe do Rosario en Tordoia.