organistrum*

organistrum*
s m [MÚS/HIST]

Instrumento medieval de corda que se toca dándolle voltas, coa axuda dunha manivela, a unha roda que fai vibrar as súas cordas. Este instrumento medieval presenta moitas interrogantes respecto da súa orixe, aínda que algúns autores afirman que pode ser unha derivación do monocordio pitagórico. No Códice Calixtino aparece mencionado co nome de rota britannica, un instrumento que estaba formado por unha caixa acústica en forma de oito e un mastro alongado en que se introducían as cordas. Debido á complexidade do seu sistema, o instrumento tiña que ser manipulado por dous músicos. Un deles era o encargado de mover a roda de forma continuada para conseguir un son uniforme e outro era o encargado de accionar as espadelas que producían a melodía. Evolucionou musicalmente cara a outros instrumentos, como a zanfona. En Galicia existen boas representacións iconográficas deste instrumento, todas de época medieval, entre elas, a representación que fixo o Mestre Mateo no Pórtico da Gloria, a da Catedral de Ourense ou a do Pazo de Xelmírez.