Organización das Nacións Unidas
Organización internacional, con sede en Nova York, creada para manter a paz, promover a cooperación económica, cultural, social e humanitaria e garantir a seguridade dos estados ante a base dos principios de igualdade e de autodeterminación, e velar polo respecto dos dereitos humanos. Os seus membros comprometéronse a resolver os problemas internacionais a través de medios pacíficos e a non utilizar a ameaza nin o uso da forza. Sucesora da Sociedade de Nacións, os primeiros pasos cara á súa creación foron a Conferencia de Dumbarton Oaks (1944) e a Conferencia de Yalta (1945). O 25 de abril de 1945 cincuenta e un estados reuníronse en San Francisco onde elaboraron e asinaron, o 26 de xuño, a Carta de Nacións Unidas, tratado fundacional onde se establecen os principios básicos das relacións internacionais nos que se basea a organización; en 2004 contaba con 191 estados membros. En 1956, polo conflito do canal de Suez, creouse un exército propio con funcións de interposición e protección dos antagonistas, para dar tempo á negociación e á diplomacia para impedir a extensión dos conflitos. Denominado como forzas militares da ONU e coñecidos como cascos azuis, están formados con achegas e persoal dos estados membros. O financiamento da ONU realízase con achegas efectuadas polos estados membros segundo un programa de contribucións aprobado pola Asemblea Xeral. Os programas especiais como os de UNICEF e o Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) fináncianse con achegas voluntarias. Os principais organismos son a Asemblea Xeral, composta polos representantes de todos os estados membros e na que cada estado dispón dun voto; o Consello de Seguridade das Nacións Unidas, cuxa misión é garantir a paz e a seguridade, polo que pode demandar que se apliquen sancións contra os estados que consideren culpables de perturbar a paz ou a seguridade internacionais; o Consello Económico e Social das Nacións Unidas, que actúa principalmente como órgano de coordinación entre a ONU e as axencias especializadas; o Consello de Administración Fiduciaria, coa función de supervisar a administración dos territorios confiados á ONU, en vías de desaparición desde que o último territorio en fideicomiso se converteu en república independente; o Tribunal Internacional de Xustiza, que ten na súa xurisdición a interpretación de tratados e de acordos, e os conflitos e as cuestións de dereito internacional; e a Secretaría, representada polo secretario, máximo responsable administrativo, que ten a facultade de presentar á organización calquera cuestión que ameace a paz e a seguridade mundiais e a iniciativa de promover acordos internacionais. Ocuparon este cargo Trygve Lie (1946-1952), Dag Hjalmar Hammarskjöld (1952-1961), Situ U Thant (1961-1971), Kurt Waldheim (1972-1982), Javier Pérez de Cuéllar (1982-1992), Boutros Boutros Ghali (1992-1996) e desde 1996 Kofi Annan. Os seus organismos empregan cinco linguas oficiais: o inglés, o castelán, o francés, o ruso e o chinés.