Orinoco
Orinoco
Río de América meridional, o terceiro en importancia despois do Amazonas e do Río de La Plata, que ten unha lonxitude de 2.150 km. Nace na serra de Parima, que xunto coa da Paracaíma, separa a súa conca da do Amazonas. Atravesa Venezuela e desemboca no Océano Atlántico preto de Trinidad, formando un delta duns 25.000 km2. O seu caudal está suxeito a un réxime de enchentes e estiaxes, relacionado coa climatoloxía da conca e co réxime pluvial de case todos os seus tributarios. O baixo Orinoco é o sector con maior desenvolvemento económico, pois alí aséntase a maior parte da poboación. Son frecuentes no seu curso os rápidos que dificultan a navegación. Os afluentes principais son o Apure e o Caroní.