Orléans, ducado de
Territorio francés segregado da coroa real e erixido en 1344 sobre o antigo condado carolinxio de Orléans (posesión dos Robertinos ou Capetos do s X) polo Rei Filipe VI de Francia para o seu fillo Filipe I de Orléans , morto sen descendencia en 1375. Despois de volver a mans da coroa francesa, o Rei Carlos VI concedeullo ao seu irmán Luís de Francia ( Luís de Orléans ) en 1392. O seu sucesor, Carlos de Orléans , foi pai de Luís XII de Francia ( Luís II de Orléans ). Segregado unha vez máis da coroa en 1626, foi outorgado por Luís XIII de Francia ao seu irmán Gastón de Francia ( Gastón I de Orléans ). En 1660 Luís XIV de Francia concedeullo ao seu irmán Filipe II de Orléans (pai de María Luísa de Orléans e de Filipe III de Orléans e avó de Luís III de Orléans e de Luísa Isabel de Orléans ). O seu tataraneto foi Luís Filipe Xosé I de Orléans , pai do duque Luís Filipe II de Orléans , que ao acceder ao trono en 1830 (Luís Filipe I de Francia), cedeu o ducado ao seu fillo máis vello, Fernando de Orléans . Luís Filipe I tivo varios fillos: Antonio de Orléans , duque de Montpensier, que fundou a liña dos Orléans-Montpensier, á que pertenceu María Mercedes de Orléans-Montpensier; Luísa de Orléans, muller do rei Leopoldo I de Bélxica, e Luís de Orléans, que orixinou a dinastía imperial brasileira dos Orléans-Bragança.