Ortigueira, Festival Internacional do Mundo Celta de
Ortigueira, Festival Internacional do Mundo Celta de
[MÚS]
Festival de música folk creado en 1978 por iniciativa da Escola de Gaitas de Ortigueira coa intención de dar a coñecer a música de raíz dos países con orixe celta e fomentar a cultura tradicional. Desde a terceira edición, en 1980, acolle grupos procedentes de Escocia, Irlanda, Bretaña, Suecia ou Gales. Despois de sufrir unha interrupción (1986-1995), volveuse celebrar grazas á financiación municipal e á axuda de diversos patrocinadores. Desde aquela, o certame evolucionou ata converterse nunha referencia a escala mundial dentro do ámbito da música celta. Nas súas diferentes edicións actuaron artistas e grupos tan relevantes como The Chieftains, Alan Stivell, Carlos Núñez, X. M. Budiño, Värtinä, Altan ou Hedningarna.