Ortigueira e Ladrido, esteiro de
Esteiro en que desembocan os ríos Mera e Ladrido e que comprende extensas chairas intermareais fango-areosas, lagoas costeiras, un sistema dunar e prados. Situado a 43° 41’ 03’’ de latitude N e 7° 51’ 28’’ de lonxitude O, abrangue unha superficie de 3.025 hectáreas distribuída entre os concellos de Ortigueira e Cariño. Presenta unha topografía pouco accidentada, con pendentes suaves e unha altitude máxima de 100 m. Posúe unha vexetación rica e variada, onde destacan por unha banda os canavais e xunqueiras, e nas zonas areosas, a vexetación dunar, como a especie Ammophila arenaria. Constitúe un espazo en que hibernan aves acuáticas como gabitas e mazaricos, e anátidas como o pato asubión ou o parrulo chupón, que forman poboacións hibernantes de especies migratorias que seguen a ruta do Atlántico oriental. Ao mesmo tempo, constitúe unha importante área de refuxio para as aves mariñas en períodos de condicións climáticas adversas, e o hábitat da nutria, que é o mamífero máis representativo. Está incluída no catálogo de espazos naturais en réxime de protección xeral da Xunta de Galicia e na ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves).