Oseira, Santa María a Real de

Oseira, Santa María a Real de

Mosteiro situado en Oseira (San Cristovo de Cea). Fundouse en 1137 tras a doazón de Afonso VII a catro relixiosos que facían vida monástica na zona. Adheriuse á orde beneditina e pouco despois ao Císter. Cara a 1140 san Bernaldo enviou monxes de Claraval para instruír a nova regra. Recibiu novas doazóns de Fernando II e Afonso IX, ademais doutras particulares, como as igrexas de San Xoán de Louredo, de Santa Cristina e o couto de Marín. Estas posesións e as novas adquisicións que a propia comunidade realizou convertérono nun dos cenobios máis poderosos de Galicia. As súas posesións abranguían desde o couto de Marín ata Zamora. Tivo baixo a súa dependencia os cenobios de Santo Estevo de Chouzán, San Lourenzo de Miño e Santa Maria de Junias de Pitões, en Portugal.   O conxunto monacal consta de varios volumes acaroados. A igrexa construíuse entre 1185 e 1205 seguindo a tipoloxía das igrexas cistercienses e o modelo da catedral de Santiago de Compostela. Ten planta de cruz latina con tres naves alongadas, a central, cuberta con bóveda de canón apuntado, non ten triforio sobre as naves laterais; o cruceiro cóbrese cunha gran cúpula sobre nervios apoiada en trompas, atribuída ao monxe Fernán Martínez (s XIII). A cabeceira tomou o modelo da catedral compostelá e da igrexa de Santa María de Melón, e está composta por unha capela maior semicircular, precedida por dous tramos rectos e rodeada por un deambulatorio con cinco capelas absidiais, reformadas nos ss XVI e XVIII. Aos pés do templo sitúase o coro do s XVI, modificado posteriormente. En 1545 uniuse á Congregación de Castela e despois do incendio do s XVI do que só se librou a igrexa, frei Marcos do Barrio rexeitou o seu traslado e potenciou as obras de reconstrución do conxunto. Deste xeito, construíuse unha nova fachada en estilo barroco. Distribúese en tres rúas, a central remata nun frontón partido cun corpo rectangular en que se sitúa un escudo e as laterais rematan en torres. A portada, aberta entre dúas columnas salomónicas, é de arco de medio punto. Consérvase a primitiva sala capitular, de comezos do s XVI, que ten planta cadrada e divídese en nove compartimentos mediante catro columnas centrais de fustes estriados, dos que arrican feixes de nervios que configuran a bóveda. Destaca tamén o dormitorio dos monxes, que conserva os muros oriental e occidental da época medieval; os claustros dos pináculos, dos medallóns e dos cabaleiros; e a escaleira de honor. Ten salas dedicadas a museo en que se expoñen obxectos de arte sacra e lápidas arqueolóxicas. Consérvanse algúns elementos dispersos, como a fonte da praza do Ferro en Ourense. A igrexa, a sala capitular e o claustro foron declarados BIC en 1923. As obras de restauración do conxunto, realizadas polos propios monxes, recibiron o Premio Europa Nostra en 1989.

Palabras veciñas

2 oseira | Oseira | Oseira | Oseira, Santa María a Real de | Oseiro | Oseiro, San Tirso de | óseo -a