Osoir’ Anes
Trobador, fillo de Johan Froiaz de Valadares e de Urraca Fernandez, e posible irmán de Martin Anes Marinho e Per’ Eanes Mariño. Foi un dos membros da familia nobre dos Marinho, localizada nas rías de Noia e Arousa, e vinculada ao mosteiro de San Xusto de Toxosoutos. Pertenceu á primeira xeración de poetas da tradición galego-portuguesa, rematou os seus estudos eclesiásticos en 1220 en París, e converteuse, ao seu regreso, en cóengo de Santiago de Compostela. Consérvanse oito cantigas da súa autoría, dúas delas fragmentarias, localizadas no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa, onde se amosa fiel aos tópicos das cantigas de amor, cun alto sentimento poético e artístico. Nas súas composicións “Cuidei eu de meu coraçon”, “Ei eu tan gran medo de mia senhor” (fragmento), “E por quê me desamades”,“Eu, que nova senhor filhei”, “Min pres forçadament’ Amor” “Par Deus, fremosa mia senhor” (fragmento), “Sazon é ja de me partir” e “Vos, mia senhor, que non avedes cura”, aparecen primeiramente os ollos da doncela como reclamo para o poeta que descubrirá, desta vez nunha segunda muller, a beleza dos seus cabelos e da súa voz. A coita deste “nov’amor” fai que teña medo a morrer e a romper o silencio que existe entre eles. A decisión de abandonar a amada debe servir para que ela se decate do que pode significar a súa existencia sen a presenza do poeta.
Cronoloxía
-
Deceso
Lugar : Santiago de Compostela