Otero Abeledo, Xosé

Otero Abeledo, Xosé

Pintor. Coñecido como Laxeiro, en 1921 emigrou coa súa familia a Cuba, onde desenvolveu o oficio de pintor e de deseñador de vidreiras ao tempo que asistía a clases nocturnas de pintura e debuxo. Alí coñeceu a obra de Ignacio Zuloaga e Xesús Corredoira. Enfermou e regresou a Galicia en 1925 e comezou a traballar como barbeiro percorrendo as feiras. Esta profesión permitiulle a realización de debuxos e retratos onde xa comezou a mostrar a súa habilidade para retratar a psicoloxía da personaxe, neste momento xentes do campo. Nesta época coñeceu a Luísa Villamarín, con quen casou en 1934. En 1928 fixo as primeiras ilustracións para Céltiga, Faro de Vigo e El Pueblo Gallego. Nestas datas coñeceu a Manuel Colmeiro, quen o animou a continuar debuxando, e comezou a acudir a Santiago de Compostela ao parladoiro do Café Español, onde coñeceu a Carlos Maside e a Luís Seoane. As primeiras obras foron fundamentalmente retratos, en que amosou a personalidade do retratado e que o mostraron como un gran debuxante. Destacan A miña avoa (1930), Autorretrato (1936) e O meu cuñado Darío (1938). En 1931 recibiu unha pensión do concello de Lalín para realizar estudos como alumno libre na Escuela de Bellas Artes de San Fernando de Madrid e ao ano seguinte recibiu unha bolsa da Deputación de Pontevedra. En Madrid relacionouse cos galegos alí residentes, como os irmáns Dieste, Ramón S. Picallo e V. Risco, e vinculouse co movemento vangardista dos primeiros anos da Segunda República. Regresou a Galicia en 1933 e participou na exposición organizada pola Barraca Resol en Santiago de Compostela, que incluía os artistas que conformaron o movemento renovador da arte galega, os chamados Renovadores ou os Novos (Manuel Colmeiro, Carlos Maside, Luís Seoane e Gabriel Eiroa). Realizou a súa primeira mostra individual en 1934 na facultade de Filosofía e Letras da universidade compostelá, onde presentou unha serie de obras caracterizadas polo gusto polo volume e o primitivismo, nunha estética que recordaba o traballo dos canteiros denominada estética do granito. Destacan Carnavalada (1931), Carretón de nenos (1934) e Mascarón (1934). As súas obras comezaron a reflectir máscaras carnavalescas e seres mitolóxicos e fantásticos, nacidos da súa profunda imaxinación, xunto con maternidades e outras escenas. Pasou a Guerra Civl Española en Asturias e ao remate da contenda permaneceu en Galicia afastado dos circuítos oficiais da arte. En 1940 instalouse en Pontevedra, onde realizou o mural O manancial da vida, no antigo Café Moderno, que xunto con outro mural presentado no Cine Balado de Lalín anunciaban unha etapa neofigurativa de carácter expresionista. En 1941 trasladouse a Vigo, onde realizou un gran número de retratos, debuxos e murais en bares e tabernas. En 1946 pintou Trasmundo, en que representou unha visión particular do xuízo final cheo de todos os personaxes que formaban a súa particular visión do mundo. Outras obras desta época son Cencerrada (1940?), Entroido (1946-1947), Concerto (1945), O entroido (1947) e Banquete de nenos (1949). En 1951 viaxou a Bos Aires por mor da exposición de arte galega organizada polo Centro Gallego. Pouco despois instalouse na capital arxentina, onde permanceu ata 1970, con visitas esporádicas a Galicia. En Bos Aires atopouse de novo con Eulalia de Prada, Lala, a quen coñecera en Madrid e que se converteu na súa musa e compañeira ata a súa morte en 1989. Durante a súa estadía en Arxentina, presentou a súa obra nas principais salas de arte e ilustrou, entre outros libros, A esmorga, de E. Blanco Amor, ademais de participar en relatorios e outros actos da vida cultural da capital arxentina. O expresionismo foise tornando nun xestualismo caracterizado pola pincelada agresiva e pola liberdade do trazo. Destacan Traxedia (1956), Nacemento (1957) e Pintor informalista (1962). Foron anos de grande actividade artística, e dos que destacan A familia do pintor (1964), A vida (1966) e A Familia Romea (1978). Non perdeu o contacto con Galicia e España, participou en diversas exposicións e en 1962 foi finalista do Premio Eugeni d’Ors. En 1968 o concello de Lalín creou o Museo Laxeiro, con obras doadas por el mesmo, e en 1970 regresou a Galicia. Instalouse en Vigo pero pasaba tempadas en Lalín e en Madrid. A súa pintura mudou e trocou os tons ocres polos vermellos, amarelos e azuis. O debuxo continuou a ser un dos elementos básicos da súa obra e a preocupación achegouno ata a abstracción. Destacan A cor (1974), A vida (1974) e Verbena (1979). En 1981 doou á cidade de Vigo unha serie de obras, xerme da Colección Laxeiro. A súa actividade artística diversificouse. Realizou os murais Homenaxe a Lalín, no instituto que leva o seu nome en Lalín (1989), e Un berro polas belas artes, na facultade de Belas Artes de Pontevedra (1993); participou na ilustración da versión galega de O Quixote (1990) e ilustrou, entre outras obras, Galicia (1990), de C. J. Cela. Deseñou unha vaixela para Sargadelos (1990), ademais de botellas para diferentes viños galegos, proxectou as vidreiras do Parlamento de Galicia (1989) e da Universidade de Vigo (1991), fixo a portada do libro A poesía popular galega (1992) e realizou, entre outras, as carpetas de gravados En torno a la pintura e O Camiño de Laxeiro (1993). A súa actividade artística non cesou ata a súa morte. Participou en diversas exposicións, das que sobresae a que inaugurou o Auditorio de Galicia en 1989, e recibiu varias homenaxes, das que destacan a realizada polo colectivo Atlántica en 1981, a creación da Bienal Laxeiro (1993) polo concello de Lalín e a mostra antolóxica organizada no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en 1996. Recibiu a primeira medalla (1973) e a medalla de honra (1985) da Bienal de Pontevedra, o Premio da Crítica de Galicia na sección de Ciencias e Artes da Representación (1980), o Pedrón de Ouro (1988), a Medalla Castelao (1989), a Medalla de Ouro do concello de Vigo (1990), a Medalla Curros Enríquez (1991) e a Medalla de Honra de Unión Fenosa (1991). A súa obra está presente, entre outras coleccións, na Fundación Laxeiro, creada en 1999, no Museo Municipal Quiñones de León de Vigo, no Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, no Museo Municipal Ramón María Aller de Lalín, no Museo Provincial de Pontevedra, no Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa e na Colección Caixanova.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Donramiro, Lalín

  • Deceso

    Lugar : Vigo