Otero Espasandín, Xosé Roxelio
Profesor e escritor. Estudou maxisterio na Escola Normal de Santiago de Compostela e, ao rematar, en 1921, recibiu a orde de incorporarse ao Batallón Expedicionario do Rexemento Zaragoza, unidade que foi enviada a Marrocos. Alí coñeceu a Rafael Dieste, Brea Segade e Amado Villar. De regreso a Galicia, en 1923, colaborou nos xornais Faro de Vigo, Galicia e El Pueblo Gallego, e alternou a creación coa docencia, primeiro no Pósito de Pescadores de Santa Uxía de Ribeira e máis tarde nun colexio privado. Pertenceu á Xeración de 1925, aínda que non deixou publicado ningún poemario -anunciara o libro Alfabeto, pero non se chegou a publicar-. A súa obra poética e ensaística está espallada en revistas e xornais, como A Nosa Terra, Grial e Nós. En 1929 continuou estudos na Escola Superior de Maxisterio de Madrid e tamén asistiu a clases de matemáticas e filosofía na Universidad Central. En Madrid traballou no Museo de Ciencias e participou nos ambientes culturais madrileños -coloquios que Eduardo Dieste presidiu no café La Granja El Henar-. A partir de 1930 colaborou na revista Nueva España. Foi socio protector do Seminario de Estudos Galegos, ademais de participar, xunto a Fermín Penzol e Ramón Martínez López, na agrupación política Acción Galega Radical Autonomista, que dezasete galegos fundaron en Madrid en 1930. Ademais de traballar no Museo de Ciencias e de ensinar matemáticas na Escola Plurilingüe Internacional, participou activamente nas Misións Pedagóxicas. En 1934, asumiu a dirección da publicación PAN. Revista epistolar y de ensayo, xestada entre os asistentes aos parladoiros de La Granja El Henar. Mantivo unha estreita relación cos poetas da Xeración do 22, Manuel Antonio e Amado Carballo -de quen prologou o libro O galo-. Durante a Guerra Civil Española, combateu no bando republicano ata que se exiliou en 1939. Estivo no campo de concentración Saint-Cyprien e grazas ás xestións da Alianza de Intelectuais Franceses, encabezada por Jean Camp, foi liberado. Trasladouse primeiro a Inglaterra e, en 1941, a Arxentina, onde se integrou no círculo intelectual que presidía Luís Seoane (Rafael Dieste, o pintor Colmeiro, Lorenzo Varela e Arturo Cuadrado). R. Dieste ofreceulle traballar na Editorial Atlántida e dedicouse a escribir libros de divulgación científica, histórica e mitolóxica na colección Oro (Los átomos, desde los griegos hasta nuestros días, 1945; La civilización mesopotámica, 1945; Sociedades de insectos, 1952; Pobladores del mar, 1954, etc). Ao mesmo tempo, traduciu do francés e do inglés e colaborou como crítico en moitas revistas do exilio. A finais do verán de 1947, trasladouse a EE UU. Dirixiu, ata 1953, o departamento de español do Waynesburg College de Pennsylvania. En 1950 publicou o seu primeiro poema en galego despois da posguerra na revista viguesa Alba e, en 1955, ese poema pasou a formar parte, xunto con outros cinco, da antoloxía da poesía galega contemporánea que preparou Fernández del Riego. En 1953 instalouse en Bethesda, onde foi editor e corrector de estilo da edición castelán do boletín Pan American Health Organization ata 1965 e deu clases, ata 1970, de castelán na USDA Graduate School. Tamén publicou Manuel Colmeiro (1945) e Cuentos que me contó Dieste (1984).
Cronoloxía
-
Deceso
Lugar : Bethesda, Wa -
Nacemento
Lugar : Castro, Cerdedo -
Deceso
Lugar : shington