Otero Pedrayo, Ramón
Escritor. Membro do grupo Nós, consolidou a prosa galega, especialmente a novelística, e foi o iniciador dun novo teatro en Galicia. Era fillo do médico e deputado provincial Enrique Otero Sotelo e de Eladia Pedrayo Ansoar. A súa familia pertencía a unha antiga fidalguía rural que se acomodaba naqueles anos nunha rúa típica da incipiente burguesía ourensá dedicada a profesións liberais e cun nivel cultural alto. O seu avó materno exercera como avogado de prestixio na cidade, mentres que o paterno fora un militar próximo a Espartero desterrado a Barbantes. Curiosamente, o pai de Otero Pedrayo defendera ao mesmo Curros Enríquez dos ataques dos sectores máis conservadores da cidade. Por outra banda, o seu fogar foi sempre punto de encontro para o debate e a conversación de diversas figuras intelectuais da época, como Emilia Pardo Bazán. As referencias fidalgas da familia manifestábanse na casa que os seus parentes tiñan en Trasalba, preto da capital das Burgas, e que, xunto á propia cidade ourensá, foron os marcos ideais de gran parte da súa obra. O contraste entre a vida de aldea do pazo de Trasalba, coñecido polo autor como Casa Grande de Cima de Vila, desde onde podía ollar por unha banda o val do Miño e pola outra o do Barbantiño; e a urbana, representada pola cidade de Ourense, ían ser outro dos tópicos literarios abordados polo autor nos seus textos. Sen dúbida, gran parte do seu interese pola xeografía veu dado pola paisaxe evocadora do seu pazo aldeán. Ao ler algún dos traballos de Otero, unha das conclusións que se extrae é a do seu interese pola descrición da paisaxe, froito da relación de homes e mulleres coa terra, e onde a rocha, os solos e a auga transforman ese medio natural en que se integra o campesiño galego, e co que están relacionadas as razas celtas que sempre se caracterizaron polo seu apaixonado sentimento cara á terra. No seu devalar por Galicia, Otero advirte dos cambios que se producen na paisaxe duns lugares a outros, cambios que non son claramente perceptibles, pero que modelan a xeomorfoloxía das diversas zonas do país galego e que definen o que Otero deu en chamar as múltiples paisaxes galegas. Ademais do seu interese xeográfico, tamén destaca o aspecto histórico, que estaba cimentado nos episodios dramáticos, moitos deles referidos a familias fidalgas e señoriais da Galicia de séculos atrás, que lle refería a súa avoa paterna no pazo de Trasalba e que quedaron fixados na súa memoria. No apartado académico, despois de estudar o bacharelato no Centro Provincial de Instrución de Posío, en Ourense (1898-1904), onde coñeceu a Florentino López Cuevillas, e que finalizou en maio de 1905, comezou en Santiago de Compostela un curso preparatorio para as titulacións de Dereito e Filosofía e Letras. Malia o pouco tempo que alí estivo, a cidade compostelá callou na memoria do escritor ourensán, especialmente no referente aos elementos prerrománicos e románicos, oxivais, platerescos e barrocos, que engaiolaban a Otero, un interese que se foi incrementando co tempo, nas súas múltiples estadías na cidade. Da etapa previa como bacharel, dous profesores marcárono de forma moi importante; por unha banda Marcelo Macías, humanista e erudito, e pola outra Eduardo Moreno, con quen aprendeu as primeiras nocións técnicas de xeografía. Na súa etapa universitaria compostelá só lembrará con agrado as clases de literatura de Armando Cotarelo Valledor. Unha vez aprobado o curso preparatorio, marchou á Universidad Central de Madrid para estudar a carreira de Filosofía e Letras, que simultaneou coa de Dereito (1905-1912). Durante eses anos observou as influencias dos autores da Xeración do 98, dos poetas simbolistas franceses e do modernismo. Ao seu regreso a Ourense, integrouse no grupo dos “inadaptados”, liderado polo seu amigo Vicente Risco que, en compaña de F. López Cuevillas, decidira iniciar unha serie de proxectos que se materializaron na súa participación no Ateneo ourensán e na elaboración da revista La Centuria (1917-1918), onde as achegas de Otero se limitaron a dous artigos carentes de carga ideolóxica e nos que criticaba a cultura oficial. Ben a través da análise antropolóxica, como fixera Risco, ben a través da descuberta dunha nova orde tras a descomposición do sistema social tradicional, observada por Otero; ou mesmo no compromiso social a prol dos máis desfavorecidos polo agrarismo, a industrialización e a emigración, que defendeu Castelao, todos eles uniron os seus esforzos intelectuais no que se deu en chamar o grupo ou a xeración Nós, e no que Otero Pedrayo tivo un protagonismo ineludible, sobre todo desde a súa posición de renovador da prosa escrita en lingua galega. Neste proceso a influencia de Antón Losada Diéguez, tal e como o propio Otero reflicte no seu Libro dos amigos, foi decisiva para o desenvolvemento do devandito grupo e a asunción do seu compromiso coa sociedade galega, que se pode dividir en dúas etapas: a primeira, o seu ingreso nas Irmandades da Fala e a súa participación no galeguismo a través da liña política; e a segunda, a súa vinculación como grupo e a publicación da revista Nós (1920-1936), sinal de identidade destes homes que representaron a vangarda intelectual de Galicia. Despois de gañar a cátedra de Xeografía e Historia (1919) para institutos, Otero marchou a Burgos, Santander e, finalmente, Ourense. Á par da súa actividade docente, comezou neses anos a súa vinculación política. Ingresou nas Irmandades da Fala (1918), estivo presente na visita que Francesc Cambó, representante da Lliga Catalana, realizou a Galicia, participou activamente nas eleccións xerais dese ano en apoio da candidatura de Lois Porteiro Garea polo distrito de Celanova, mesmo publicando artigos de tema político na prensa local, e desde 1921 dedicouse por completo á actividade cultural galeguista, aínda que tivo uns comezos titubexantes nos que non se identificaba plenamente cos ideais que defendían outros galeguistas insignes, como o propio V. Risco. A década de 1920 é tamén o momento en que Otero Pedrayo impulsaba un novo estilo de escrita en lingua galega cos seus libros e coas súas colaboracións na revista ideolóxico-cultural das Irmandades e do Partido Galeguista, A Nosa Terra (1916-1936), e que máis tarde continuou en Nós (1920-1936), ou mesmo noutros periódicos e revistas en diversas etapas da súa vida como Boletín Auriense, Boletín de la Comisión de Monumentos de Ourense, Céltiga, Cuadernos de Estudios Gallegos, A Fouce, Galicia, Grial, El Heraldo de Galicia, Logos, Misión, Posío, El Pueblo Gallego, La Región, Vida Gallega e Vieiros. Membro do Seminario de Estudos Galegos (1923), foi responsable da área de xeografía e historia. Co selo desta institución comezaron a publicarse algún dos seus primeiros escritos técnicos, sobre todo artigos centrados na área de xeografía, e dous libros de texto, Treinta y tres lecciones de Geografía General (1929) e Lecciones elementales de Historia Universal (1929). Froito do prestixio que acadou neses anos, ingresou na Real Academia Galega o 21 de abril de 1929 coa lectura do discurso Romantismo, Saudade, Sentimiento da Raza e da Terra en Pastor Díaz, Rosalía de Castro e Pondal (1931). No ámbito político, participou activamente na campaña nacionalista de 1930 en Galicia, nunha serie de mitins en que destacou, xunto a Castelao e V. Paz Andrade, pola súa capacidade oratoria. Defensor da cooficialidade do galego e dos dereitos dos máis necesitados, declarouse abertamente republicano. Na fundación do Partido Nazonalista Repubricán de Ourense foi elixido presidente e tomou o relevo de V. Risco como líder do galeguismo ourensán. Tras as eleccións do 12 de abril de 1931 foi elixido deputado polo PNR para o Congreso de los Diputados en Madrid. Durante esa etapa coincidiu en Madrid con outros políticos galegos, como Antón Villar Ponte, Ramón Suárez Picallo e A. Castelao. Ademais, visitou Catalunya, en compaña de Castelao, nunha viaxe en que foron recibidos polo president Maciá e outros destacados políticos cataláns. Posteriormente, o PNR integrouse no Partido Galeguista e Otero traballou pola aprobación do Estatuto de Autonomía no marco dun Estado que el defendía como confesional, nunha liña católico-tradicionalista; dalgunha maneira os sectores da Igrexa aproveitaron este feito para tentar influír no movemento nacionalista galego que se conformara neses anos. Ese posicionamento próximo á dereita, á marxe do que defendían a maior parte dos sectores do Partido Galeguista, fixo que perdera non só o seu escano en Madrid senón un bo número de votos na provincia ourensá. A vitoria da dereita paralizou todo o proceso estatutario, o que motivou o reagrupamento do nacionalismo galego ao redor dos partidos de esquerda españois. Finalmente, e por motivos ideolóxicos, Otero decidiu apartarse temporalmente da política. Defendía que a estrutura e a personalidade de Galicia se cimentaban en base a un fondo catolicismo, marcado por antigas raíces célticas, nun país onde os campesiños e os fidalgos vivían en profunda harmonía coa natureza, e onde o mundo urbano e o progreso en si mesmo constituían unha ameaza para a sociedade galega, que a afastaban da súa esencia secular. Coa Guerra Civil Española, como aconteceu con tantos outros intelectuais e políticos galegos, sufriu persecución, e cunha resolución da Junta Técnica del Estado, emitida en agosto de 1937, foi apartado da súa cátedra. Aínda que fiel ás súas ideas e á causa galeguista, o silencio de Otero Pedrayo durou, cando menos, ata 1946, ano en que apareceron novamente as súas colaboracións en prensa. Nesa época, só viron a luz algunhas publicacións en castelán, como Las palmas del convento (1941), Guía de Santiago de Compostela (1943) e Adolescencia (1944). En setembro de 1948 recuperou o seu posto no instituto e dous anos máis tarde accedeu por oposición á cátedra de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela. Otero Pedrayo era, para as xeracións intelectuais galegas que vivían baixo a presión da ditadura franquista en España, unha lembranza dos vellos e frutíferos tempos do primeiro cuarto de século. Neses anos, case todos os intelectuais galegos de renome morreran durante a Guerra Civil Española ou ben marcharan exiliados a outros países, principalmente americanos, desde onde o contacto con esas novas xeracións era circunstancial, polo que a figura de Otero Pedrayo representaba o que se deu en chamar o “Patriarca das Letras Galegas”. A morte de Castelao en 1950 acentuou aínda máis ese concepto mítico de representante da cultura galega universal. Nesa época, ademais de asistir aos parladoiros da intelectualidade galeguista, como a Tertulia do Café Español, participou na dinamización da cultura galega, xunto con Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Domingo García-Sabell, entre outros, e observou a evolución de propostas culturais tan importantes como a Xeración de La Noche, nada ao abeiro do xornal compostelán homónimo, dirixido por Borobó, e a onde Otero tamén enviaba as súas colaboracións. Froito dese interese pola cultura galega en xeral foi a constitución do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos (1943), a fundación do Patronato Rosalía de Castro (1948) e a creación da Editorial Galaxia (1950), da que Otero foi presidente, e na que se tiraron do prelo moitas das súas obras, xa como edicións, xa como reedicións de obras moi coñecidas polos lectores. Ademais das súas colaboracións en La Región, durante eses anos recibiu numerosas homenaxes e premios pola súa longa traxectoria literaria, como o Premio Galicia (1962), da Fundación Juan March, o Premio da Deputación Provincial de Ourense (1964) ao mellor estudo da obra do Padre Feijoo, a homenaxe polo seu oitenta aniversario en Santiago de Compostela (1968) e unha bolsa da Fundación Barrié de la Maza, ademais da publicación de dous libros na súa honra, Homaxe (1958) e Ramón Otero Pedrayo. A súa vida e a súa obra (1958). Nas súas visitas a Bos Aires (1947), Caracas (1956) e, novamente, Arxentina (1959), foi acollido pola colectividade galega e pola intelectualidade deses países como o principal expoñente da cultura galega na súa propia terra. Nestes anos tamén foron constantes as súas intervencións en actos culturais, como as Semanas Culturais do Orfeón Unión Orensana, que se celebraban anualmente, ou os xogos florais que organizaban diversos concellos galegos. No que se refire ao apartado creativo, foi un autor tardío, pois comezou a escribir a parte fundamental da súa obra con case corenta anos, nunha idade en que contou coa vantaxe de ter asumido xa perfectamente os influxos das escolas e dos autores que leu ao longo de moitos anos. Recibiu múltiples influencias, nun primeiro momento de escritores como Homero, Virxilio, Lucano e Shakespeare, despois afeccionouse á novela psicolóxica, de Balzac, Dickens, Stendhal e L. Tolstoi, ao romanticismo de F. R. de Châteaubriand, Goethe, Mme. de Staël e J. J. Rousseau, para, finalmente, pasar a unha etapa de preocupación decadentista con Mallarmé, F. Nietzsche, Rimbaud e P. Verlaine, ou mesmo indagar nas preocupacións filosóficas de Duns Escoto e William Occam. Coñeceu tamén os narradores do seu tempo, como J. Joyce, de quen foi o primeiro en traducir algúns textos do seu Ulysses na Península Ibérica, F. Kafka, M. Proust, Virginia Woolf ou Stefan Zweig, dos que tamén se observan influencias. É autor dunha ampla obra narrativa, ensaística e dramática, dotado dunha sorprendente capacidade para escribir, un labor que acompañaba dun rexistro verbal prodixioso e cordial, elocuente e vivo, profundamente erudito. Ademais da súa preocupación polos contidos, cómpre destacar a estrutura elaborada das súas novelas. Partidario da escritura intuitiva, a súa prosa presenta un riquísimo e extraordinario léxico que outorga certa dificultade no proceso de lectura. Por outra banda, a súa produción pódese dividir en dúas etapas, a de preguerra e a de posguerra. Na primeira atendeu un proxecto global de culturización literaria que abarca diferentes esferas, a da historia e realidade da nación galega que ten como base o mundo rural de labregos e fidalgos, recreados en Pantelas, home libre (1925), O Purgatorio de don Ramiro (1926), Contos do camiño e da rúa (1928), A lagarada (1928) e O Mesón dos Ermos (1936); a do mundo das elites, protagonistas importantes desde a perspectiva da historia galeguista, en Escrito na néboa (1927), Os camiños da vida (1928), onde se representa o mundo fidalgo e se reflicten moitas das historias que el escoitaba en Trasalba do seu pai e da súa avoa; Arredor de si (1930), a odisea de Adrián Solovio en Madrid e Europa ata o seu regreso a Galicia, onde verdadeiramente atopa o sentido da súa existencia e dos seus principios; Vidas non paralelas (1930), A romeiría de Xelmírez (1934) e Devalar (1935); e a da historia dalgún aspecto da cultura europea que pode ser importante na recuperación da identidade do mundo galego en Fra Vernero (1934), en que tamén trata a influencia do movemento católico no mundo romántico; e a novela dialogada O sorrir de Daniel (1935). En Pelerinaxes (1929) narra, amodo de relato etnográfico e literario, o percorrido que realizou con V. Risco e Ben-Cho-Sey ao santuario de Santo André de Teixido. Por outra parte, a súa obra de posguerra mantén o carácter galeguista aínda que amosa unha temática máis emotiva e persoal. Destacan desta etapa as obras de contido autobiográfico Adolescencia (1944) e La vocación de Adrián Silva (1950); retratos de personaxes coñecidos, como O libro dos amigos (1953), editado en Bos Aires e onde se recrea a memoria do autor nos 39 personaxes que máis significaron na súa vida; de escenarios amados, como Por os vieiros da saudade (1952), onde se narran os acontecementos da súa visita a América en 1947 e o seu reencontro cos galeguistas exiliados, personificados en Castelao; e O espello no serán (1966), en que aparecen os lugares preferidos da súa xeografía particular, como Santiago de Compostela; parodias irónicas do mundo pasado, como O señorito da Reboraina (1960) e O desengano do prioiro (1952); coleccións de antigos relatos e cadros dramáticos, como Antre a vendima e a castiñeira (1957), Teatro de máscaras (1975), escrito en 1934, e Contos de Santos e Nadal (1988); historias de personaxes, como O maroutallo (1974); e a novela en castelán La fiesta del conde Bernstein (1988). Da súa obra ensaística cómpre salientar os estudos xeográfico-históricos presentes en Guía de Galicia (1926), Síntese xeográfica de Galicia (1926) e Orense (1969); o ensaio de análise literaria Lembranza de Goethe (1932); e a biografía Vida del doctor Marcelo Macías (1943). Editou unicamente un libro de poesía, Bocarribeira (1958), un feixe de poemas paisaxísticos vinculados á xeografía dos Chaos de Amoeiro que saíu en Madrid ao carón do grupo Brais Pinto. No ámbito da filosofía da historia destaca o seu libro Ensayo histórico sobre la cultura gallega (1933), traducido posteriormente ao galego e en que amosa unha visión humanizada de temas científicos, co que enriqueceu o panorama do pensamento galego. No apartado teatral, ademais de O desengano do prioiro (1952) e Teatro de máscaras (1975), destacan Macías o Namorado (1956), Traxicomedia da noite dos Santos (1960), Noite compostelá (1973), O Fidalgo e a noite (1979) e Rosalía (1985). Estes dramas, de difícil representación na época en que foron escritos, e definidos polo propio Otero como “teatro para ser lido”, amosan o interese do autor polo ser galego e constitúen unha proxección máis do pensamento que transmitiu a través das súas novelas. R. Otero Pedrayo faleceu á noite mentres lía as Mémoires d’outre-tombe, de Châteaubriand, libro co que tamén foi soterrado no cemiterio de Ourense, nun ataúde elaborado coa madeira dunha araucaria do seu pazo de Trasalba.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Ourense -
Deceso