Ourense, catedral de

Ourense, catedral de

Catedral situada en Ourense, baixo a advocación de san Martiño. Baixo o reinado suevo, ergueuse un templo que foi arrasado polos musulmáns e polos normandos. A finais do s XI construíuse un novo edificio baixo a advocación de santa María Nai, pero as súas reducidas dimensións motivaron a construción en 1160 do terceiro e definitivo templo en estilo románico de transición, baixo o bispado de Pedro Seguín e coas doazóns de particulares e de Fernando II. O seu proxecto inicial, con planta de cruz latina de tres naves lonxitudinais, tres ábsidas semicirculares e cruceiro de nave única, continuou ata a data de consagración do altar en 1188, durante o bispado de Afonso, aínda que a fábrica non se concluíu ata o ano seguinte, introducindo novos logros técnicos propios do gótico. Rematouse durante o bispado de Lourenzo (1218-1248), baixo o que se realizou o pórtico do Paraíso e o claustro. O Renacemento chegou posteriormente coa construción do ciborio, que coroaba o cruceiro.
Da cabeceira ao cruceiro: as capelas, os retablos e o ciborio
A catedral comezouse pola cabeceira, pero as obras non correron parellas; as capelas do lado S foron máis serodias, de aí que manifestasen a evolución cara ao gótico e unha dependencia maior do obradoiro compostelán do mestre Mateo. Na capela maior destaca o retablo (1516-1521) de Cornielles de Holanda. De estilo plateresco con reminiscencias góticas, presenta catro corpos e cinco rúas, cun argumento global que xira ao redor da vida da Virxe e de Xesús Cristo; e aos seus pés colocouse parte do cadeirado do primitivo coro. A capela rodeouse e pechouse cunhas reixas renacentistas de Juan Bautista Celma, autor tamén dos púlpitos historiados. No exterior, a capela inseriuse nun muro barroco que está decorado na parte superior cun rosetón. O remate dos antigos muros mantívose sobre bóvedas e tellados. En 1618 reformouse a cabeceira orixinal e estableceuse a nova configuración cun deambulatorio clasicista, de Simón de Monasterio, que rodeou e revalorizou o presbiterio con cinco capelas absidais e varios sepulcros: o do cardeal Quevedo, neoclásico, e o dun bispo medieval descoñecido do s XIV. A sancristía, obra de Pedro Fernández de Monforte construíse (1556-1565) sobre a antiga capela dedicada a santo André. No brazo N do cruceiro destacan o retablo neoclásico do Pilar e Santiago (1785), o altar da Misa da Alba ou da Quinta Angustia (1566) de Juan de Juni, cun Descendemento e, recollido por un arco trifoliado e gablete con pináculos, o sarcófago gótico do bispo Pérez Mariño. En fronte da tumba situouse a capela do Santo Cristo e, á dereita desta, o altar da Virxe do Pópulo. No brazo S do cruceiro, destacan un púlpito neoclásico sostido por un atlante, así como os retablos do Carme (s XVIII), o de san Miguel, o de Castro Canseco e o de Gremios, cun San Roque de Francisco de Moure (s XVII). Entre 1499 e 1505, Rodrigo de Badajoz encargouse da construción dun ciborio octogonal, sobre o cruceiro. No interior alzouse con dous corpos sobre trompas, facilitando a iluminación do templo e cubriuse cunha bóveda estrelada de oito puntas. Exteriormente presenta un terceiro corpo, con dúas fiestras en cada tramo, sen vidreiras, e coroamento no remate.
A capela do Santo Cristo
O lugar de maior veneración relixiosa da catedral foi, desde a súa construción, a capela barroca do Santo Cristo. Situada no brazo N do cruceiro, que foi realizada en 1578 por Juan de Herrera sobre a antiga sancristía, e alongada por Pedro de Arén entre 1674 e 1685. Aos lados do arco triunfal que dá acceso á escaleira destacan as imaxes da Virxe Branca (s XVI) e de san Mauro (s XVII). Na cabeceira da capela, cupulada, colocouse o altar e o baldaquino (1679) -sostido por catro anxos-, obra de Domingo de Andrade. O altar presídeo a talla gótica do Santo Cristo (ss XIII-XIV), regalo do bispo V. Pérez Mariño, de autoría descoñecida que está cravado na cruz, ricamente ataviado, con longos cabelos e a cabeza coroada de espiñas. A cabeza é de madeira tallada e todo o corpo recubriuse cunha grosa capa de pintura. O resto da decoración do camarín, escaleiras e tribuna correspondeu a Castro Canseco (1695-1703). No trasaltar destacan o busto da Dolorosa e o Cristo do Perdón (s XVII).
As naves
A catedral está constituída por tres naves en sentido lonxitudinal, a central máis ancha ca as laterais, que están separadas por pilares cruciformes e arcos dobrados e apuntados, cubertas con bóvedas de cruzaría. Desde as naves laterais accédese ás diferentes capelas que se abriron nos seus muros. Destacan, do lado N, as capelas de San Lucas ou do Rosario, a das Neves e a de San Xoán Bautista. Na nave lateral S son de interese os sepulcros góticos, como o da infanta, rodeado por unha reixa que elaborou J. B. Celma, o do bispo Lourenzo, ou o de Pedro Yáñez de Nóvoa (1309). Desde este tramo accédese á Sala Capitular (s XIV) e á Claustra Nova, onde se instalou o Museo Diocesano Catedralicio.
O coro
Na realización do coro catedralicio (1587-1590) participaron Juan de Angés o Mozo e Diego de Solís, que realizou a parte arquitectónica, organizada por medio de pilastras e decoración vexetal. O acceso realizábase a través de dúas portas: unha no do Evanxeo e outra no da Epístola, decoradas coa Tentación de Adán e Eva e a Expulsión do Paraíso. Nos extremos colocáronse, divididas entre o coro alto, con 41 cadeiras, e o baixo, con 29 cadeiras, as virtudes teologais, pero tamén se decorou con figuras bíblicas, apóstolos e santos. Aínda que orixinalmente se situou nos tramos centrais da nave maior da catedral, cara a 1939 reinstalouse por separado en diversas dependencias da catedral, fundamentalmente no Museo Diocesano Catedralicio e na capela do Santo Cristo. Todo o conxunto catedralicio foi declarado Ben de Interese Cultural en 1931.
As fachadas
As tres fachadas da catedral son de estilo románico. A fachada norte, unha das máis danadas polos enfrontamentos entre os condes de Lemos e de Benavente (1471), conserva o aspecto de fortaleza e nela conflúen a mestura de estilos románico e gótico. A portada (s XV), única e con tripla arquivolta, enmarcouse cunha imposta sobre a que se engadiu o tímpano que está historiado cunha Piedade. Nos seus extremos colocáronse os escudos do bispo Diego de Fonseca e dos Reis Católicos e, na parte superior, un rosetón. A porta conserva dúas estatua-columna moi desgastadas e arquivoltas decoradas cunha linguaxe protogótica. A un lado da fachada abriuse a entrada do patín, secundaria e de estilo románico, cunha escalinata e unha balaustrada do s XVIII. A fachada sur ergueuse con dous corpos, o primeiro de época medieval e o segundo durante o s XVII. O arco maior da portada labrouse en bocel groso abrazado por arquiños de ferradura con círculos entre eles e na clave representouse a Xesús Cristo sedente, en actitude de bendicir. Destaca especialmente a torre do reloxo (s XVI) que remata lateralmente a estrutura. A fachada oeste é a entrada principal do templo e a que dá paso ao pórtico do Paraíso. O acceso a ela realízase a través dunha escalinata inspirada no proxecto de Antonio Palacios que está datada entre 1975 e 1981. Dispúxose nun esquema de dous corpos e tres rúas, divididas polos contrafortes, colocados durante a reforma do s XVI, coas súas tres respectivas portadas románicas. Aos lados erguéronse a torre das campás, ao noroeste, de catro corpos e liña clasicista que foi ampliada por Pedro de Arén no s XVII, e a torre de san Martiño (s XVII), que quedou sen rematar e parece un contraforte. A porta central está dividida en dous ocos por un parteluz que substituíu o arco apuntado orixinal por dous de medio punto, pero conservando sobre eles a arquivolta medieval. No espazo que hai entre os arcos colocouse a figura do Rei David tocando un salterio e sobre el, en lugar de tímpano, colocouse unha claraboia con vidreiras. Nas portadas laterais, sobre os arcos de medio punto, abríronse os rosetóns góticos e ricamente ornamentados.