Ourense, comarca de
Comarca situada no S da Comunidade Autónoma de Galicia e no N da provincia do mesmo nome. Limita ao N coas comarcas de Chantada (concello de Carballedo) e Terra de Lemos (concellos de Pantón e Sober), ao L coas de Terra de Caldelas (concello de Parada de Sil) e Allariz-Maceda (concellos de Xunqueira de Espadanedo, Maceda e Paderne de Allariz), ao S coas comarcas de Allariz-Maceda (concellos de Allariz), Terra de Celanova (concellos da Merca e Cartelle) e O Ribeiro (concello de Castrelo de Miño), e ao O coas comarcas do Ribeiro (concello de Cenlle) e O Carballiño (concellos de Punxín, Maside e San Cristovo de Cea). Abrangue unha superficie de 623,1 km2en que acolle unha poboación de 141.513 h (2001), distribuída entre os concellos de Amoeiro (39,7 km2; 2.298 h), Barbadás (30,2 km2; 6.768 h), Coles (38,1 km2; 3.171 h), Esgos (37,8 km2; 1.294 h), Nogueira de Ramuín (98,3 km2; 2.531 h), Ourense (84,5 km2; 107.510 h), O Pereiro de Aguiar (60,9 km2; 5.292 h), A Peroxa (54,5 km2; 2.557 h), San Cibrao das Viñas (39,5 km2; 3.669 h), Taboadela (25,2 km2; 1.718 h), Toén (58,3 km2; 2.511 h) e Vilamarín (56,1 km2; 2.194 h). A poboación deste concello é eminentemente urbana, concentrándose na cidade de Ourense que, debido ao seu notable crecemento, xa rebasa o seu termo municipal, en especial cara a Barbadás e O Pereiro de Aguiar. No resto do territorio, agás nas áreas máis próximas á capital, acusa un forte despoboamento xa que abundan os núcleos de poboación moi pequenos e con serios riscos de desaparecer.
Xeografía física
A comarca está enmarcada na depresión de Ourense, un bloque afundido e atravesado polo curso do río Miño. Ao redor dispóñense unha sucesión de relevos, de modestas dimensións, que marcan a transición coas depresións do Ribeiro, Lemos e Maceda. Os materiais predominantes son os granitos, e só nas áreas máis deprimidas aparecen acumulacións sedimentarias, onde a acción fluvial formou terrazas no fondo da depresión. A depresión de Ourense é un sector de altitudes comprendidas entre os 100 e os 350 m, onde se distingue o val do Miño, entre os 100 e 200 m, e as pequenas planicies máis elevadas (entre os 200 e case os 400 m) atravesadas polos tributarios do Miño (Loña, Barbaña e Barbantiño). Nos relevos que circundan a depresión atópanse varias áreas ben diferenciadas. Por unha banda están os situados ao S e ao L da comarca, que parten desde Cabeza de Meda (1.320 m) e van descendendo progresivamente de altitude cara ao L e SO, cuxas cotas oscilan entre os 500 e 700 m (Montealegre, 470 m e alto do Couso, 832 m) e por outra banda os localizados ao N con contrafortes meridionais das serras do Faro e de Martiñá, con altitudes comprendidas entre os 600 e 700 m (alto de Vales con 736 m, Cruz de Fonfría con 721 m). O clima é oceánico mediterráneo no fondo da depresión de Ourense, e de transición nas serras que a delimitan. Nas terras máis baixas as precipitacións son escasas en comparación cos valores medios galegos (772 mm anuais) e as temperaturas son suaves, froito de veráns moi cálidos e invernos relativamente frescos, cunha temperatura media anual de 14°C (7°C para o mes máis frío e 21,7°C para o máis cálido). Nas serras periféricas as precipitacións son máis abondosas (1.117 mm anuais) e as temperaturas máis frescas, debido a uns veráns moito máis suaves e invernos fríos, cunha media anual de 12,4°C (19,9°C para o mes máis cálido e 5,9°C para o máis frío). A rede hidrográfica organízase ao redor do río Miño, que atravesa a comarca no seu tramo medio, e na que forma os encoros de Velle e Castrelo de Miño. O Miño entra na comarca pola parroquia dos Peares (A Peroxa-Nogueira de Ramuín), punto en que recibe ao Sil e ao Búbal, segue unha dirección LNL-OSO e baña os concellos de Nogueira de Ramuín, A Peroxa, Coles, Ourense e Toén, e abandona a comarca pola parroquia ourensá de Arrabaldo. Os afluentes que recibe na comarca son, pola esquerda, o Sil, que percorre a comarca no seu tramo final, e delimita o concello de Nogueira de Ramuín cunha dirección SL-NO parcialmente anegado polo encoro de Santo Estevo; o Loña, que nace nos contrafortes occidentais de Cabeza de Meda, drena os concellos de Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar e ao L de Ourense desemboca no Miño á altura de Velle; e o Barbaña, que nace en Paderne de Allariz, atravesa a comarca cunha dirección N-S e drena os concellos de Taboadela, San Cibrao das Viñas, Barbadás e Ourense, onde desemboca no Miño á altura da cidade de Ourense. Pola dereita, os tributarios do Miño son o Búbal, que nace na comarca lucense de Chantada e só nun curto percorrido baña terras ourensás; a Barra, que baña o concello de Coles, e tras seguir un curto percorrido N-S desemboca no Miño; e o Barbantiño, que nace ao pé da serra de Martiñá e tras seguir unha dirección NL-SO no seu curso alto e medio, pasa a outra N-S no seu tramo baixo, e drena Vilamarín, Amoeiro e Ourense, onde desemboca no Miño, preto de Arrabaldo. A vexetación é a consecuencia das diferentes condicións climáticas entre a depresión ourensá, onde predominan especies de corte mediterráneo (sobreiras, redutos de aciñeira e érbedos) e os seus rebordos, onde predominan especies máis próximas ao biótopo atlántico (rodais de cerquiños, toxeiras e xesteiras nas áreas deforestadas). A acción antrópica actuou desfavorablemente sobre o manto vexetal clímax, xa que realizou abusivas repoboacións de piñeiros e, nas áreas máis favorables climaticamente, de eucaliptos. Desde a década de 1970 o lume, a elevada sequidade no verán e a densa cobertura vexetal, provocaron incendios que arrasaron grandes superficies da comarca.
Xeografía humana
A poboación da comarca de Ourense caracterizouse pola súa vitalidade ao longo do s XX, o seu crecemento foi espectacular, e se en 1900 tiña 73.310 h, en 2001 sumaba 141.513 h, cun incremento dos seus efectivos dun 93,03%. Nesta evolución influíu a dinámica positiva da cidade de Ourense, que foi o verdadeiro motor da economía desta demarcación, e a receptora dun continxente abondoso de inmigrantes que procedían do resto da provincia. O crecemento demográfico non foi extensible a todo o territorio, pois a meirande parte dos concellos minguaron os seus efectivos desde 1900. Ao longo do s XX o crecemento foi continuo, e só nalgunhas décadas diminuíu ata niveis próximos ao estancamento demográfico. As primeiras décadas do s XX foron de case estancamento (0,16% interanual), xa que coincidiron cunha etapa en que o peso da poboación rural era maioritario e a emigración cara a América do Sur estaba moi presente. Entre 1920 e 1950 produciuse unha etapa de forte crecemento (1,44%), momento en que a cidade de Ourense comezou unha etapa de desenvolvemento e a emigración desapareceu practicamente ante as condicións desfavorables que afectaron aos países receptores de emigrantes galegos. Entre 1950 e 1970 o crecemento atenuouse ante a reactivación da emigración cara a América do Sur (0,49% interanual), e deu paso a unha situación de estancamento ao longo da década de 1960 (0,08%) nun contexto de éxodo rural masivo en contraste coa situación da cidade das Burgas, que proseguiu cun forte crecemento. Na década de 1970, grazas á apertura de moitas empresas industriais nas inmediacións da capital ourensá, a comarca viviu a fase de maior crecemento (1,61% interanual), que deu paso a unha diminución nas décadas seguintes ante a crise de gran parte da industria ourensá (entre 1981 e 1991 o crecemento interanual pasou a ser do 0,54%, mentres que entre 1991 e 2001 foi do 0,12%). O máximo crecemento por concellos correspóndelle a Ourense (411,03% entre 1900 e 2001), seguido por algúns concellos da súa inmediata periferia (Barbadás, 76,48% e San Cibrao das Viñas, 7,60%). O resto dos termos da comarca posúen menor poboación que a comezos do s XX. A composición por idades amosa unha poboación aínda nova (os menores de 20 anos representan o 21,84% dos efectivos, fronte ao 18,48% dos de máis de 65 anos), aínda que matizada polo brusco contraste entre a poboación dos concellos máis urbanos (Ourense e Barbadás) e os de características máis rurais, ao estar os últimos en progresivo proceso de avellentamento. A poboación feminina representa o 52,64% do censo.
Xeografía económica
A agricultura no conxunto da comarca é unha actividade minoritaria cunha presenza residual nos concellos máis urbanos (Barbadás e Ourense). A superficie cultivada representa o 18,82% da comarca, e da que destaca a superficie ocupada por cultivos en Amoeiro, seguido polos de Coles, A Peroxa, Taboadela e Vilamarín, con valores intermedios Esgos, Ourense, O Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas, e finalmente aqueles onde o peso do espazo cultivado é moi cativo, como Barbadás, Nogueira de Ramuín e Toén. O principal cultivo é a pataca (21,18% da superficie cultivada), seguida polo trigo (17,00%) e o centeo (16,34%). Os prados e pastos acadan una extensión relativamente pequena (13,98% do territorio). O gando vacún posúe escasa relevancia e está destinado á produción de carne. O gando porcino, dedicado tanto á reprodución como á ceba, ten maior peso. Neste sector é fundamental o papel da cooperativa COREN, empresa con sede en Ourense. A industria viviu mellores tempos grazas á promoción do polígono industrial de San Cibrao das Viñas e á efémera industria automobilística que depende de Citroën. Por concellos adquire superior relevancia en Coles e Taboadela (23,5% e 28,7%, respectivamente). A produción industrial concéntrase nos concellos de Ourense e San Cibrao das Viñas, onde neste último destaca a presenza dun gran polígono industrial promovido na década de 1970, e o máis recente Parque Tecnolóxico de Galicia. Destacan as ramas industriais da madeira, electrónica, auxiliar do automóvil, agroalimentaria e téxtil. A construción é a terceira actividade económica da comarca, un sector en alza debido á gran forza do sector inmobiliario da capital das Burgas, así como a recente irrupción de empresas de tamaño medio especializadas na obra civil. Onde máis relevancia adquire é en Amoeiro, Esgos, O Pereiro de Aguiar, Taboadela e San Cibrao das Viñas. Os servizos son, con diferenza, o principal sector económico, en que ten moito que ver a especialización terciaria da capital da provincia. No concello de Ourense representa o 75% dos ocupados e nun segundo lugar sitúanse Barbadás, Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, Toén e Vilamarín. En canto aos servizos a cidade é o principal centro terciario da súa provincia. Conta coa Deputación Provincial, Audiencia Provincial de Xustiza, delegacións provinciais da Xunta de Galicia e do goberno central, bispado, hospital de referencia para a provincia, policlínicos privados, campus universitario, grandes superficies comerciais, entidades financeiras especializadas, servizos cualificados para a empresa ou consultorios médicos especializados. A súa atracción, en especial comercial, rebasa os límites provinciais que atraen compradores procedentes do S da provincia de Lugo e NL de Pontevedra. As restantes localidades da comarca apenas contan con equipamento terciario, agás algúns establecementos de pequeno tamaño. É un nó de comunicacións de gran relevancia na Galicia interior, en que conflúen importantes estradas que comunican o S da comunidade co interior da península, así como outros viais que enlazan o S co N da Galicia oriental. Entre os viais máis destacados atópase a A-52, de Vigo a Benavente, que percorre a comarca de O a SL, a estrada N--120, de Vigo a Logroño, que a atravesa de O a NL, a N-540, de Lugo a Ourense, que comunica a capital ourensá co NL de Galicia e a N-525, de Santiago de Compostela a Benavente, que enlaza Ourense co NO galego. Tamén destacan as estradas C-536, de Ourense á Rúa, a C-540, de Ourense á fronteira portuguesa por Celanova, a C--546, de Ourense a Lugo por Monforte de Lemos e as estradas locais Ourense-Maceda por Paderne de Allariz e Ourense-A Peroxa. Tamén é un importante nó de comunicacións ferroviarias, xa que na cidade de Ourense conflúen as liñas que unen A Coruña con Medina del Campo e Vigo con Monforte de Lemos.
Historia
As terras da comarca de Ourense estiveron poboadas desde tempos prehistóricos, como evidencian os restos encontrados nos diferentes concellos que a conforman, desde o Paleolítico ata a época castrexa. Coa ocupación romana, o territorio encheuse de vías de comunicación que enlazaban diferentes puntos da Gallaecia e que atravesaban o territorio da comarca por varias zonas. Desde moi cedo, a evolución histórica da comarca estivo condicionada polo feito de albergar unha das sete capitais históricas, a cidade de Ourense, que se converteu en sé episcopal baixo a monarquía sueva. Desde entón, os ataques árabes e as loitas interiores polo poder entre os representantes do poder eclesiástico e civil foron os protagonistas ata o s XII. Na Baixa Idade Media logrou converterse nun importante centro de intercambios comerciais asentado na exportación de viños e aceite. Este papel de cidade comercial foi a súa principal característica ata que a principios do s XIX unha nova función, esta vez administrativa como capital da nova provincia de Ourense, consolidou unha nova fase de continuo crecemento demográfico e económico. A comarca, ata a reforma administrativa que supuxo a aparición dos concellos desde a división municipal de 1835, estivo dividida en multitude de xurisdicións, que pertencían a institucións relixiosas (mitra ourensá, mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil e de Santa María de Oseira), ou nobiliarias (condes de Ribadavia e Lemos). Deste xeito, a evolución dos concellos foi a seguinte: en 1821 nas terras de Amoeiro, existían dous concellos, Trasalba e Bóveda de Amoeiro, que pertencían ás xurisdicións do Carballiño e Ourense. O bispo de Ourense tamén exercía a súa xurisdición sobre Barbadás, Piñor e Sobrado (actual concello de Barbadás), aínda que parte do seu territorio estaba sometido ao marqués de Astorga e aos veciños da Valenzá. Coles estivo sometido durante a Idade Media ao señorío dos mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil, Santa María de Oseira e San Salvador de Celanova. No Antigo Réxime as súas terras pasaron a estar baixo a xurisdición da Barra, Gustei, Melias, Ribela e A Peroxa, controladas tanto polos mencionados mosteiros, polo cabido catedralicio, como por diversos poderes civís (condes de Lemos, de Ribadavia) ou militares (orde de Santiago) ata 1812, cando pasaron á administración señorial. Durante o Antigo Réxime as terras de Esgos pertenceron á xurisdición de Rocas, baixo o señorío do mosteiro de San Salvador de Celanova. A maior parte do territorio de Nogueira de Ramuín estivo sometido baixo o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, que compartiu a xurisdición co Pereiro de Aguiar, señorío do duque de Medina de Rioseco, durante o Antigo Réxime. O mosteiro de San Pedro de Rocas exerceu o seu poderío sobre as terras do concello do Pereiro de Aguiar, aínda que sobre parte delas estaban sometidas baixo o poder do cabido catedralicio de Ourense e o marqués de Malpica. Durante o Antigo Réxime pasou ás xurisdicións de Ceboliño e O Pereiro de Aguiar, señorío do duque de Medina de Rioseco. Os condes de Ribadavia exerceron a súa influencia sobre as terras da Peroxa durante o Antigo Réxime, que compartiron co bispado de Ribadavia, co señorío de Pedro Losada e co mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. En canto ás terras de San Cibrao das Viñas, sometéronse tanto ao cabido de Ourense como a diversos señoríos (condes de Monterrei, marqueses de Mos), así como á abadía da Santísima Trindade de Ourense. Tamén baixo a influencia do bispo de Ourense estiveron sometidas as terras de Toén no Antigo Réxime, que compartiu o seu poderío co mosteiro de San Martiño Pinario. Na mesma época, o mosteiro de Santa María de Oseira, Pedro de Quiroga, o conde de Ribadavia e o conde de Maceda, exerceran a súa xurisdición sobre as terras do concello de Vilamarín. En 1835 tivo lugar a reordenación administrativa dos concellos. Deste xeito, Amoeiro constituíuse a partir da unión dos antigos concellos de Trasalba e Bóveda de Amoeiro; Barbadás (con este nome desde 1851) da unión de Sobrado do Bispo e Barbadás; Coles da unión de Gustei e Melias; Esgos substituíu ao concello de Rocas; Nogueira de Ramuín ao de Ribas de Sil; O Pereiro de Aguiar, da unión de Aguiar, Covas e Santa Marta de Moreiras; A Peroxa, da unión de Carracedo, Peroxa e Vilarrubín; San Cibrao das Viñas, da unión de Noalla e San Cibrao das Viñas; Taboadela, da unión de Touza e Rabeda; Toén, da unión de San Pedro de Moreiras, Mugares e Puga; e por último, Vilamarín, que se constituíu a partir do antigo concello de Tamallancos. Todos estes concellos pasaron a pertencer ao partido xudicial de Ourense, así como á provincia homónima, despois da definitiva división de Galicia por provincias (1833).
Patrimonio cultural
Ademais dos restos de época paleolítica atopados nos concellos de Nogueira de Ramuín, Ourense, San Cibrao das Viñas e Toén, de época prerromana destacaron os castros de Trelle (Toén), o de Chaodarcas e o de Covas (O Pereiro de Aguiar), o de Castroverde e o de Cova da Moura (San Cibrao das Viñas), así como os de Marcelle e Baínte (Vilamarín), ou os atopados no concello de Coles. Da ocupación romana quedaron algúns vestixios (cerámica, lápidas, aras), principalmente no concello e na cidade de Ourense, onde destaca a ponte romana, pero tamén nos concellos de Taboadela, O Pereiro de Aguiar ou San Cibrao das Viñas, que conserva os miliarios da calzada romana que atravesaba o concello en dirección a Bracara Augusta. Foron moitas as construcións de tipo civil que se ergueron desde a Idade Media, algunhas delas con funcións de vivenda ou defensiva. Destacan os pazos de Cornoces, da Martinga, de Parada e de Trasalba (Amoeiro), o de Bentraces e o de Piñor (Barbadás), o de Lagariños e a casa grande de Bamio (Coles), o da Seara e o de Celeiros (Nogueira de Ramuín), o dos Oca-Valladares, o das Eiroás, o de Reinoso, o de Casar do Mato, o de Guizamonde, o de Ramirás, o de Varela de Limia, o de Velle, ou o palacio episcopal de Ourense declarado Ben de Interese Cultural (BIC 1931), a torre da Lamela (O Pereiro de Aguiar), o de Ansariz, o de Redondelle, o de Souto, o de Turbisquedo e o de Cinconogueiras (A Peroxa) (BIC 1994), o de Orbán, o de Tamallancos e o de Vilamarín (Vilamarín). Tamén destacan as pontes Sobreira (Vilamarín) e a ponte Loña (Ourense). No que respecta á arquitectura relixiosa, da que destaca a catedral de Ourense, son importantes as igrexas de San Paio de Bóveda e San Pedro de Trasalba (Amoeiro); as de Santa María de Sobrado do Bispo, San Martiño de Loiro e San Lourenzo de Piñor (Barbadás); as de San Paio de Albán, Santiago de Gustei, San Miguel de Melias e Santo Eusebio de Ferreiros (Coles); as de Santa María de Esgos e o mosteiro de San Pedro de Rocas (BIC 1923), (Esgos); as de San Cristovo de Armariz, Santa María de Faramontaos, San Martiño de Nogueira de Ramuín e o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, declarado BIC en 1923 (Nogueira de Ramuín); as de Santa María a Nai, da Santísima Trindade, San Francisco, Santa Eufemia do Norte e Santa Eufemia do Centro (Ourense); as de Santa María de Mirallos, San Vicente de Graíces e San Xes da Peroxa (A Peroxa); as de San Xoán de Moreiras, Santa María de Melias e Nosa Señora dos Gozos (O Pereiro de Aguiar); as de San Miguel de Soutopenedo, Santo André de Rante e Santo Ildefonso de San Cibrao das Viñas (San Cibrao das Viñas); as de San Miguel de Taboadela e San Xurxo de Touza (Taboadela); as de San Pedro de Moreiras, San Martiño de Alongos, Santa María de Toén e Santa María de Mugares (Toén); as de San Salvador de Río, Santiago de Vilamarín e Santa María de Tamallancos (Vilamarín). Na comarca celébranse as festas da Follateira e de san Miguel (Coles); a de san Vítores (Esgos); a do Carpazal, a de santo Estevo, a da Virxe do Monte, a da Virxe do Pilar e a da Virxe dos Remedios (Nogueira de Ramuín); os Maios, o Corpus Christi e o san Martiño (Ourense); a de Nosa Señora de Merteira e a de santa Lucía (O Pereiro de Aguiar); a da Virxe das Neves (A Peroxa); a de Santa Cruz, a dos Remedios e a de Nosa Señora da Asunción (San Cibrao das Viñas); a de San Miguel de Taboadela, a das Neves, a de san Bertomeu, a da Virxe da Saúde e a do Rosario (Taboadela) e a de santo Antonio e a da Virxe da Esperanza (Vilamarín). Tamén as romarías de san Ramón e de Santiago (Coles), a dos Gozos (O Pereiro de Aguiar); a da Virxe da Saúde, a da Virxe do Amparo e a da Virxe do Rosario (A Peroxa).