Ourense, ponte romana de
Ourense, ponte romana de
ou ponte vella ou ponte maior Construción situada sobre o río Miño ao seu paso pola cidade de Ourense. Construída en tempos de Traxano ou Augusto, sitúase na vía XVIII ou Nova, que unía Bracara Augusta con Lucus Augusti. Da primitiva fábrica romana consérvase parte das bases dos piares e o primeiro arco da marxe esquerda. Está formada por grandes perpiaños de granito, arcos de medio punto e apuntados e tallamares arredondados, agás un, que é triangular. Foi reformada e reconstruída en varias ocasións desde a época medieval ata o s XVIII e conserva sete dos máis de dez arcos que probablemente tiña en orixe. Foi declarada Ben de Interese Cultural en 1961.