Ourense, San Francisco de

Ourense, San Francisco de

Mosteiro situado en Ourense. Realizado en estilo gótico, foi fundado no s XIII polos franciscanos, aínda que a igrexa e o claustro se contruíron entre 1313 e 1322. A igrexa trasladouse do seu emprazamento orixinal ata o parque de San Lázaro. O templo ten planta de cruz latina cunha nave no brazo maior e outra no cruceiro, e as ábsidas, con ventanais con vidreiras, cóbrense de bóvedas nervadas en forma de abano, que se apoian sobre columnas laterais. A portada é de estilo oxival cun arco trilobulado, arquivoltas apuntadas e rosetón. Destaca o claustro medieval, de planta case cadrada con portas baixomedievais e unha colección de capiteis que está formado por 63 arcos apuntados sobre piares cruciformes. Os monxes foron exclaustrados en 1835 e o mosteiro foi cuartel en 1843. O claustro e a igrexa foron declarados Ben de Interese Cultural en 1923.