Ourense, Santísima Trindade de

Ourense, Santísima Trindade de

Igrexa parroquial situada en Ourense. Puido ser construída cara ao s XIII pola proximidade dun hospital para peregrinos do que deu conta o bispo Afonso en 1178. O templo reconstruíuse no s XVI e aproveitáronse elementos da antiga igrexa medieval. Ten planta basilical, que foi reedificada en 1571 por Xácome de Moure. No interior, a capela maior, que se rematou de construír en 1858, está cuberta con bóvedas de cruzaría e a ábsida (s XVI) ten forma poligonal. O retablo maior e os laterais son de estilo barroco. O acceso ao adro realízase por unha porta que pertenceu ao antigo Hospital de San Roque, de arco de medio punto enmarcado por dous medallóns que representan a Hipócrates e Galeno, e sobre a que destaca un frontón con fornela que alberga a figura de san Roque. O templo conserva dúas portadas medievais e nos ángulos laterais do edificio atópanse dúas torres cilíndricas unidas por unha galería, que lle dan un aspecto de fortaleza ao conxunto.