Oxford

Oxford

Capital do Oxfordshire, Inglaterra, situada na confluencia do Cherwell co Támesis (132.800 h [1999]). É un gran centro de comunicacións, con fábricas de automóbiles, de maquinaria, aparatos electrónicos, conservas, imprentas e editoriais. É bispado evanxélico. Situada na beira do Támesis foi, orixinariamente, un antigo poboado saxón. Os normandos convertérona nun fortín. Foi un gran mercado agrícola a comezos da Idade Media, pero entrou en decadencia cando pasou a depender case exclusivamente da universidade, fundada no s XII. No s XVII, durante a guerra civil, foi un bastión das forzas reais; pero, asediada por lord Thomas Fairfax, caeu en xuño de 1646. A principios do s XX establecéronse as primeiras industrias (imprentas e fábricas de marmeladas) e máis tarde William Morris instalou alí unha fábrica de automóbiles. A universidade comprende 40 colleges, que na súa maioría funcionan como centros de estudos comunitarios. Os máis antigos son o University College, o Balliol and Merton e o Saint Edmund Hall (s XIII), o Exeter, o Oriel, o Queen’s e o New (s XIV). Dos museos e as bibliotecas patrimonio da universidade destaca a Bodlein Library. No O da cidade vella está o barrio comercial e o castelo normando; no L os edificios universitarios e as igrexas, rodeados dun parque. A catedral, comezada no s XII, é de estilo normando. O Trinity College e o Christ Church College (ambos os dous do s XVII) son de estilo gótico.