Pacio Lindín, Dino

Pacio Lindín, Dino

Profesor. Realizou estudos universitarios en Comillas, Roma e Madrid e, posteriormente, estudou linguas modernas na Universidade de Friburgo e socioloxía en Harvard, onde tivo como profesor a Talcott Parsons, e en Columbia, con Robert King Merton. Entre 1961 e 1966 deu clases de socioloxía en Mondoñedo e, ao mesmo tempo, realizou un importante labor social de promoción educativa e humana para os nenos máis desfavorecidos en diversas aldeas da Pastoriza, Abadín e Mondoñedo. En 1970 emigrou a EE UU onde ensinou socioloxía da xuventude nas universidades de Fisher e Forham. Pouco despois decidiu centrar os seus esforzos educativos en dous colectivos: os drogodependentes e os hispanos. En 1971 iniciou un proxecto baseado na educación global capaz de atender as necesidades da comunidade emigrante e marxinada da cultura. Intentaba levar a educación á xente e daba clases en humildes apartamentos e locais abandonados. A “escola dos apartamentos” deu paso ao que se chamou “universidade da xungla” que consistía en levar os mellores recursos universitarios ás comunidades máis desfavorecidas. A finais de 1973 este proxecto pasou a denominarse Solidaridad Humana, que se materializou nun centro de estudos onde uns dous mil alumnos realizan gratuitamente estudos básicos, técnicos e universitarios. É autor de Juventud radical 1956-1968 (1978), Terra húmeda (1979), Theory of Worker Education (1988), Biliterate Immigrants (1991) e Hispanos y españolusa (1991). Recibiu o premio da National Association of Community Colleges (1982), en recoñecemento ao seu labor universitario en EE UU, e o premio Trilingual Authors (1988).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Xemil, A Pastoriza