padrón

padrón

(< lat patronū)

  1. s m

    Modelo que se toma como exemplo a seguir.

  2. s m

    Columna ou piar que ten unha lápida ou inscrición que recorda un feito destacado.

  3. s m [DER/DEMOG]

    Lista pública e autorizada en que se relacionan todos os habitantes dun municipio nunha data determinada. Os seus datos constitúen proba de residencia e do domicilio habitual no concello. Ten por finalidade, ademais, o coñecemento do número de habitantes e é un instrumento público tanto para as entidades municipais como para os habitantes. Deste xeito, os cidadáns están obrigados a comunicar a súa situación a propósito de calquera cambio de domicilio e distintos feitos vitais (nacementos, defuncións e matrimonios). A formación, mantemento, revisión e custodia correspóndelle aos respectivos municipios. Os padróns realízanse cunha peridiocidade regular desde 1965. Ata 1996 a lexislación reguladora do réxime local regulamentaba a formación do padrón municipal e as súas rectificacións anuais, e establecía que se renovara cada cinco anos, con referencia á mesma data en que se realizase o censo de poboación nos anos en que ambas as dúas operacións coincidisen. En 1996 modificouse a normativa, de xeito que xa non se fixeron renovacións quinquenais, e estableceuse un novo sistema de xestión continua e informatizada dos padróns municipais, baseado na coordinación de todos eles por parte do Instituto Nacional de Estadística (INE). En virtude da nova normativa, en 1996 realizouse a última renovación padroal con referencia ao 1 de maio. A partir de entón a revisión do padrón municipal debe facerse con referencia ao 1 de xaneiro de cada ano. A primeira revisión co novo sistema foi a de 1998. A partir dese momento obtéñense cifras de poboación con carácter anual, substituíndo as anteriores cifras demográficas oficiais dos censos de poboación (cada 10 anos) e as renovacións padroais (cada 5 anos). A inscrición no padrón municipal contén como obrigatorios os seguintes datos de cada veciño: nome e apelidos, sexo, domicilio habitual, nacionalidade, lugar e data de nacemento e o número do Documento Nacional de Identidade ou, se se trata de estranxeiros, do documento que o substitúa. O censo de poboación e o padrón municipal de habitantes son documentos de distinta natureza e condición, aínda que ambos os dous teñen por obxecto realizar o reconto da poboación do concello. Unha primeira diferenza esencial entre ambas as dúas fontes é que o censo é un documento con fins estatísticos, mentres que o padrón é un documento vivo que debe ser permanentemente actualizado. Outra diferenza está unida á confidencialidade dos datos. A información censual está amparada polo secreto estatístico e só pode ser publicada e facilitada en forma numérica e sen ningunha referencia de carácter individual. Polo contrario, o padrón é un documento público, que ten que ser exposto nos concellos para posibles reclamacións e por tanto, a súa información pode ser individualmente coñecida. Esta diferenza pon de manifesto que a información contida no censo pode ser moito máis ampla. Polo que respecta aos antecedentes do padrón cómpre dicir que os recontos locais de poboación contan cunha longa tradición en España, pois mesmo son anterior aos censos. Os primeiros padróns coñecidos datan do s XV, aínda que foron aumentando en número e calidade ao longo dos tres séculos seguintes. Adoitaban ter unha finalidade fiscal ou militar e por iso acostumaban presentar notables defectos como a omisión dos sectores da poboación que non tiñan que contribuír á Facenda Pública. No s XVIII tiñan unha maior cantidade de información e xa era frecuente encontrar neles o nome, oficio, idade e estado civil de todos os veciños, máis os nomes, idade e estado civil dos outros corresidentes, xunto coa relación de parentesco que os unía. Eran enumeracións bastante fiables de toda a poboación, incluído o clero, nobreza e pobres, reflectindo de xeito nítido as súas características demográficas e económicas. Durante o s XIX a información incrementouse, incluíndo a orixe e mesmo os anos de permanencia no concello e o grao de alfabetización. Ao longo do s XIX realizáronse numerosos intentos por parte da Administración Pública de coordinar e uniformizar os padróns, feito que se logrou en 1856, aínda que non se fixeron con certa periodicidade ata un decreto de 1910, pero non se observaron os intervalos quinquenais ata datas bastante máis recentes. Cando o INE centralizou a información dos padróns a partir de 1965, pasaron a ter unha periodicidade fixa, realizándose en 1965, 1970, 1975, 1981, 1986, 1991 e 1996, ano en que se iniciou a reforma. O padrón serve de base para a confección do censo electoral. Ata a supresión do servizo militar obrigatorio tamén servía para obter a relación de recrutas de cada unha das quendas. Así mesmo, empréganse para verificacións de escolarización, asignación de centros de sanidade primaria e outras aplicacións análogas.