Pai Soarez de Taveirós
Trobador, irmán do tamén trobador Pero Velho de Taveirós. Membro da pequena nobreza galega, desenvolveu a súa actividade literaria no segundo cuarto do s XIII, entre as cortes de Sancho I de Portugal e Rodrigo Gomez de Trastámara, aínda que probablemente tamén estivo ligado á corte de Fernando III, na década de 1240, onde se relacionou con Martin Soarez. Consérvanse 15 cantigas da súa autoría, aínda que cinco delas presentan problemas de atribución, recollidas nos tres cancioneiros trobadorescos: 10 cantigas de amor (catro están só en A e tamén aparecen atribuídas a Martin Soarez: “Eu soo tan muit’ amador”, “Meus ollos, gran cuita d’ amor”, “No mundo non me sei parella” e “Sennor, os que me queren mal”), tres cantigas de amigo (a cantiga “Quando se foi meu amigo” aparece tamén atribuída a Afons’ Eanes do Coton) e dúas tenzóns con Martin Soarez e Pero Velho de Taveirós (transcritas só en B). Do seu cancioneiro amoroso destacan as cantigas “Como morreu quen nunca ben”, “Entend’eu ben, senhor, que faz mal sen”, que se achega ao modelo de canción de amor occitana; e a orixinal cantiga de escarnio de amor, a “cantiga da garvaia” (“No mundo non me sei parella”).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Tabeirós