Palacios Ramilo, Antonio
Arquitecto. En 1892 comezou os seus estudos na Escuela de Arquitectura de Madrid, que rematou cun proxecto de palacio arcebispal (1900). Recibiu unha formación arquitectónica ecléctica, en que tiña relevancia a ornamentación clasicista, e tivo un amplo coñecemento da arquitectura española. Tiña unha concepción grandiosa da arquitectura e partiu do seguimento dos postulados académicos pero evolucionou cara ao modernismo, con influencias do rexeneracionismo de comenzos do s XX, do modernismo vienés e da Escola de Chicago. Revalorizou o granito do Porriño, que ata o momento se utilizaba na pavimentación, e empregouno pulido. Asociouse con Joaquín Otamendi Machimbarrena e obtiveron o primeiro premio no concurso dunha ponte monumental para Bilbao (1901), a segunda medalla na Exposición Nacional de Bellas Artes polo proxecto dunha ponte sobre o Urumea en Donostia (1904) e un dos premios do concurso para a construción do Casino de Madrid (1903-1904). En 1904 gañaron o concurso para a construción do Palacio de Comunicaciones de Madrid, interpretación persoal do modernismo vienés coas tendencias decorativas hispanas. Realizou tamén o Hospital de Maudes (1908-1916) e o Banco del Río de la Plata (1910-1918), ao tempo que contaba con encargos da burguesía madrileña, especialmente edificios de vivendas e hoteis. Desta época son tamén os seus primeiros traballos en Galicia. No Porriño realizou a fonte do Cristo (1904), cunha orixinal combinación de granito, ferro e cerámica, a Escola Fernández Areal (1904) e a Botica Nova (1909), para o seu irmán Xosé. Para a Asociación de Recreo Artístico e Industrial de Santiago de Compostela realizou o Pavillón de Recreo na alameda compostelá (1908-1909). En 1908 comezou o balneario e hotel sanatorio de Mondariz, en que se decantou polo eclecticismo de trazos franceses e en 1909 iniciou o proxecto da Virxe da Rocha, en Baiona, que non se inaugurou ata 1930. De 1913 data a sinatura do proxecto completo do teatro García Barbón de Vigo, edificio en que se integraron as funcións de teatro, cine e casino e que se inaugurou en 1927. Na estrutura interior empregou o formigón e realizou unha cúpula nervada no cine. A monumentalidade do edificio reflíctese na fachada, que mostra a súa linguaxe ecléctica e académica. Desde 1918 traballou en solitario e, de novo en Madrid, foi profesor de debuxo na Escuela Superior de Artes Industriales e profesor interino de proxectos de detalles arquitectónicos e decorativos na Escuela de Arquitectura (1914-1916). Realizou numerosos edificios comerciais en que empregou plantas diáfanas grazas á utilización do formigón e das estruturas metálicas. Destacan o Banco de Vizcaya (1914), o Hotel Alfonso XIII (1921), os pavillóns de acceso e outras dependencias das estacións de metro de Madrid en que traballou desde 1917, e o Círculo de Bellas Artes (1919-1926). A súa última mostra de arquitectura comercial en Madrid foi o Banco Mercantil e Industrial (1935-1943). Continuou a realizar proxectos en Galicia e o seu posicionamento estético mantívose do lado do rexionalismo, rexeitando a presenza de modelos arquitectónicos foráneos, especialmente no ambiente rural. No conxunto da súa produción rexionalista amosou unha gran capacidade para fundir diversas referencias, como o modernismo de A. Gaudí, ou o primitivismo propio de F. Asorey e outros artistas. Destacan o concello do Porriño (1919-1924), o templo votivo do Mar de Panxón (1933-1937), o mosteiro da Visitación das salesas reais en Vigo (1942) e a igrexa da Veracruz do Carballiño (1943); e o proxecto da igrexa de San Fausto de Chapela (1944), que non se executou. Tamén empregou a linguaxe rexionalista na construción de vivendas. Fóra de Galicia proxectou a igrexa de San Francisco de Santander (1940), que non se realizou, e o santuario da Gran Promesa de Valladolid, rematado polo seu colaborador, Pascual Bravo. No eido do urbanismo proxectou un plano urbanístico de Vilagarcía de Arousa (1919), a escalinata para a fachada occidental da catedral de Ourense (1928), e a dos accesos á catedral de Santiago de Compostela. En 1930 o concello de Vigo encargoulle a realización dun Plano de Ensanche e Reforma Interior de Vigo, que comezara a esbozar en 1919, e que se caracterizou polo trazado de grandes vías adaptadas á topografía da cidade, a presenza de grandes extensións de zonas verdes e a división da cidade en tres zonas: marítima, interior e extensión. O plano foi aprobado polo concello en 1934 pero, despois da Guerra Civil, foi rexeitado e anulado. Colaborou en Faro de Vigo, El Pueblo Gallego, Vida Gallega e outras publicacións, con artigos relacionados co patrimonio arquitectónico e a cultura galega. Presidente da Sociedad Central de Arquitectos e da sección de arquitectura do Círculo de Bellas Artes, foi arquitecto xefe do ministerio de Fomento. Foi membro da Academia de Ciencias Históricas de Toledo (1916), da Academia de San Telmo de Málaga e da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (1922), e membro do padroado do Museo de Castrelos de Vigo, para o que realizou con Sánchez Cantón a súa distribución interna. Foi arquitecto honorario de Vigo e de Santiago de Compostela.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : O Porriño -
Deceso
Lugar : Madrid