paleocristián -tiá

paleocristián -tiá

(

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos primeiros tempos do cristianismo, especialmente no campo da arte.

  2. arte paleocristiá [ARTE]

    Arte propia dos primeiros séculos do cristianismo que participou da arte profana romana, pero que se diferenciou dela pola funcionalidade relixiosa e a iconografía. O período rematou coas invasións xermánicas e na banda oriental do Imperio Romano, esta arte enlazou coa bizantina. A pintura e a escultura apareceron nas catacumbas de San Calisto e de Domitila en Roma, nos ss III-IV. Son frecuentes as representacións do Bo Pastor, a imaxe do orante, temas de orixe mitolóxica, do Antigo Testamento, milagres de Xesús Cristo Salvador ou da Derradeira Cea. Os sarcófagos máis antigos datan do s III (Santa Maria Antica, en Roma). A arquitectura cristiá xurdiu coa pacificación constantiniana (313) e apareceu un tipo de templo de planta central coñecido como martyrium. Destacan as construcións sobre o Santo Sepulcro e a da Ascensión en Xerusalén, a da Natividade en Belén, e os antigos baptisterios como o de Letrán en Roma ou o dos ortodoxos en Ravenna. As outras formas do templo cristián seguiron os modelos da arquitectura civil áulica. O modelo máis empregado foi a basílica grecorromana. Foron centros creadores Roma, Milán, Ravenna ou Tréveris. En Siria setentrional apareceu un novo tipo basilical con cabeceira, recta no exterior, planta tripartita e dous pastophoria. O mosaico naceu como decoración dos edificios para o culto, dos que destacan Santa Constanza, en Roma; a basílica de San’t Vitale e Sant’Apollinare in Classe, ambos os dous en Ravenna.