Pallarés García, Pilar
Escritora e profesora. Formada na Universidade de Santiago de Compostela, completou os seus estudos en Lisboa. Colaborou nas publicacións Grial, Dorna, Nordés, Festa da palabra silenciada e A Nosa Terra, onde estudou a obra de R. Carballo Calero, Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste e Luís Seoane, entre outros, e participou das características propias da poesía galega da década de 1980, que se concreta nunha obra profunda e intimista. Publicou os libros de poesía Entre lusco e fusco (1980), con composicións de tipo social en que canta o amor ausente; Sétima soidade (1984, Premio de Poesía Esquío), en que analiza a comunicación, os aconteceres da vida cotiá e novamente a soidade; Livro das devoracións (1996) e Poemas (2000). Tamén publicou o libro de ensaio Rosas na sombra. A poesía de Luís Pimentel (1991) e participou nos volumes colectivos Palabra de muller (1992), Daquelas que cantan (1997), en homenaxe a Rosalía de Castro; Manuel Ponte Pedreira: a resistencia antifranquista na comarca de Ordes (1997), Clásicos e modernos: tres leituras poéticas (1999), Galician Generation of the Eighties: three poets (1999), xunto a Xulio L. Valcárcel e Ramiro Fonte; e Horizontes poéticos (2002). Recibiu o primeiro premio no Concurso Nacional de Poesía O Facho (1979).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Culleredo