Palma de Mallorca
Municipio de Mallorca e capital das Illes Balears, situado no extremo das abas da serra da Tramuntana (333.801 h [2001]). É sede do Consell Insular de Mallorca e do bispado de Mallorca. O seu núcleo urbano está composto pola cidade antiga, arredor da que se dispuxeron o ensanche e novos núcleos periféricos edificados a partir da década de 1970. A poboación activa dedícase basicamente ás actividades terciarias e secundarias, mentres que o sector primario é minoritario e está adicado aos cultivos herbáceos e ás froiteiras de secaño. A industria relacionada co turismo, como a construción, as industrias do metal, da madeira e alimentarias, está en expansión. É un dos centros turísticos máis destacados do Mediterráneo. Foi un municipio romano fundado por Quinto Cecilio Metelo tras a súa vitoria sobre os habitantes das illas (123-122 a C) e poboado con parte dos colonos romanos de Iberia que o acompañaban. Os vándalos ocupárono tras a morte de Valentiniano III (455) e foi reconquistado polos bizantinos en 534. En 707 saqueárono os musulmáns e máis tarde os normandos. A partir de 1076-1087 o valí ‘Abd Allāh al-Murtadā converteuse en rei da Taifa de Mallorca. Xaime I de Aragón organizou unha expedición á illa en 1229, derrotou o exército dos musulmáns, asediou e entrou na capital e continuou a conquista da illa, que durou uns anos. En 1276 creouse o Reino de Mallorca e en 1343 Pedro IV de Aragón anexionouno á coroa de Aragón. En 1701 os mallorquinos puxéronse a favor de Filipe V e o porto de Palma de Mallorca adquiriu de novo importancia estratéxica como base para a conquista de Menorca (1708) e punto de escala das escuadras inglesas e holandesas. Do seu patrimonio cultural destacan o Palacio da Almudaina e a catedral de Santa Maria, declarados BIC (1931).