Palmas de Gran Canaria, Las
Municipio da provincia de Las Palmas, Canarias, e capital de Gran Canaria, situada ao NO da illa, no punto onde un istmo estreito enlaza co promontorio elevado de La Isleta (100 km2; 354.863 h [2001]). Os barrios da Vegueta e Triana constitúen o núcleo antigo do municipio, con edificios do s XV. A expansión urbana comezada en 1833 foi paralela ao incremento do tráfico portuario. O porto de La Luz vertebrou o municipio moderno e lineal, que contrasta coa parte alta e mais a periferia. É un porto pesqueiro, comercial e de escala na travesía atlántica. Exporta principalmente plátanos, tomates e outros produtos agrícolas. Destacan as industrias pesqueiras, de aparellamento marítimo e de tabaco. O seu recurso principal é o turismo. Antigo campamento dos colonizadores casteláns, foi bispado e adquiriu o nome de Real de Las Palmas a finais do s XV. Os Reis Católicos crearon nela un concello e Filipe II estableceu alí unha audiencia. Foi un porto de importancia estratéxica na ruta das Indias. Do seu patrimonio cultural destaca a catedral, comezada en 1497 en estilo gótico e restaurada nos ss XVIII e XIX, con fachada de estilo neoclásico e declarada BIC en 1974; o castelo de La Luz ou de Las Isletas (BIC, 1941), a Casa de Colón e o Museo Canario, de antropoloxía e arqueoloxía das illas.