panameño -ña

panameño -ña

(< topónimo Panamá)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Panamá ou aos seus habitantes.

  2. s

    Natural ou habitante de Panamá.

  3. arte panameña [ARTE]

    Arte desenvolvida en Panamá. Durante o período colonial, a arquitectura repetiu os estilos europeos combinándoos con elementos autóctonos, tal como se reflicte na catedral de Colón, nas igrexas de San José e de San Felipe, no Palacio Presidencial e na catedral de Panamá. No s XX foi evidente a influencia estadounidense.

  4. literatura panameña [LIT]

    Literatura en lingua castelá cultivada en Panamá. Ao redor de 1529 xurdiron, coa figura do conquistador, as primeiras crónicas e epístolas. No que respecta á poesía, existiu unha tradición popular ben arraigada. A primeira xeración de escritores iniciouse baixo o signo de Rubén Darío, e foi esencialmente modernista e poética, agás Darío Herrera e S. Ponce Aguilera, que escribiron tamén en prosa. A principios do s XX destacaron Ricardo Miró, promotor da revista Nuevos Ritos, e Gaspar O. Hernández. Ao redor de 1930 naceu unha xeración de novelistas e de contistas, paralela á dos poetas vangardistas iniciada en 1929, que tivo en Ofelia Hooper, Roque Xavier Laurenza e Rogelio Sinán os seus principais representantes. A partir de 1940 apareceron os cultivadores da nueva poesía. A narrativa deste período está moi vinculada á realidade nacional, como na obra de J. Beleño, R. H. Jurado e T. Solarte. Nas xeracións posteriores destacaron os poetas e prosistas J. de Jesús Martínez, H. Icaza Sánchez, D. Lidio Pitty, A. del Rosario, J. A. Córdova e F. Sousa. A principios do s XXI, dos poucos narradores que triunfaron fóra das fronteiras do seu país, cómpre salientar a Enrique Jaramillo Levi, autor de Duplicaciones (1990), e Rosa Mª Britton.