Pandora
Primeira muller mortal na mitoloxía segundo a tradición grecolatina. Para castigar os homes por roubar o lume dos deuses, Zeus encargoulle a Hefesto que fabricase unha muller de barro á imaxe das deusas. Atenea vestiuna, as Grazas enxoiárona, as Horas cubrírona de flores, Afrodita deulle a súa beleza e, finalmente, Hermes conferiulle a maldade e a falta de intelixencia. Zeus deulle vida e mandoulla como agasallo a Epimeteo, irmán de Prometeo. Ofuscado pola súa beleza, e malia as advertencias do seu irmán, Epimeteo casou con ela. Zeus deulle en dote unha caixa en que levaba un regalo secreto. Un día Pandora quixo saber que era o que había naquela caixa misteriosa e, aínda que o tiña prohibido, ergueu a tampa. De seguido espalláronse polo mundo todos os males que alí dentro estaban encerrados. O mito de Pandora tivo continuidade na expresión caixa de Pandora que pasou a significar cousa ou acción da que poidan saír consecuencias desastrosas.