1 papa
(< lat papas < gr π)
Título con que se designa o bispo de Roma e xefe da Igrexa Católica. O termo padre empregouse desde o s VII para referirse a calquera bispo, e aínda se conserva como denominación do patriarca de Alexandría. Ademais, o papa posúe os títulos de vigairo de Cristo, sucesor de san Pedro, supremo pontífice da igrexa universal, patriarca de Occidente, primado de Italia, arcebispo e metropolitano da diocese de Roma e servo dos servos de Deus. Desde 1059 son os cardeais, reunidos en conclave, quen o elixen. O último regulamento sobre a elección promulgouno Xoán Paulo II na constitución apóstólica Universi Dominici Gregis en 1996. Nun principio calquera home bautizado pode ser elixido papa, pero desde o s XVI sempre é un cardeal presente no conclave. O último papa non cardeal foi Urbano VI (1378-1389) e, a partir de Clemente VII (1523-1534), a elección recaeu sempre nun italiano ata o polaco Xoán Paulo II (1978). En España naceron os papas san Dámaso I (366-384), Calisto III (1455-1458) e Alexandre VI (1492-1503). A elección corresponde a todos os cardeais da Igrexa, agás aqueles que xa cumpriran os 80 anos o día anterior á morte do papa ou o día en que a sé quedou vacante. O número de cardeis non debe superar os 120 e a elección debe realizarse como máximo 20 días despois da morte do anterior pontífice, preferiblemente aos 15 días. Para ser elixido necesítanse os 2/3 dos votos dos electores; os votos son secretos e as papeletas da elección e demais documentos quéimanse ao remate da mesma. Durante o tempo en que a sé está vacante, o goberno da Igrexa corresponde ao Colexio dos Cardeais. Sobre o cardeal camarlengo recae a administración ordinaria da Igrexa. O costume de cambiar de nome ao ser elixido introduciuno o Papa Xoán XII (955-964). Despois de aceptarse a elección, e de ordenarse bispo se non o fose, o novo papa asume todas as prerrogativas do cargo: o primado, a infalibilidade e a presidencia do colexio episcopal. Está asistido no goberno da Igrexa pola curia romana, formada pola Secretaría de Estado, as Congregacións, os Tribunais, os Pontificios Consellos, as Oficinas e as Pontificias Comisións. Como soberano do estado da Cidade do Vaticano, o papa ten os poderes lexislativo, executivo e xudicial.