Paradanta, comarca da

Paradanta, comarca da

Comarca situada no SO da Comunidade Autónoma de Galicia, no SL da provincia de Pontevedra, que se estende polo extremo meridional das montañas da Dorsal Occidental Galega, na cabeceira do Tea, no val do río Deva e no tramo oriental do Miño pontevedrés. Limita ao N coa comarca de Vigo (Fornelos de Montes) e O Ribeiro (Avión), ao L coa do Ribeiro (Melón e Cortegada) e Terra de Celanova (Pontedeva e Padrenda), ao S con Portugal, e ao O ca do Condado (Mondariz, Salvaterra de Miño e As Neves). Abrangue unha superficie de 333,6 km2en que acolle unha poboación de 17.356 h (2001) distribuída nos concellos de Arbo (43,3 km2; 3.742 h), A Cañiza (107,5 km2; 7.194 h), Covelo (125,3 km2; 3.743 h) e Crecente (57,5 km2; 2.677 h). A capitalidade comarcal é a vila da Cañiza, principal centro comercial e de servizos, beneficiado por ser o principal nó de comunicacións do extremo SL pontevedrés e pola grande accesibilidade respecto a Portugal, Ourense e ás Rías Baixas.
Xeografía física
A Paradanta coincide co tramo máis meridional da Dorsal Occidental Galega, concretamente cos montes do Faro de Avión, que dan paso ao val do río Miño, feito que fai que se resolva nun relevo accidentado, froito da alternancia entre bloques erguidos e afundidos. Neste territorio dominan os granitos, e nalgunhas áreas, rochas metamórficas e sedimentarias (fondos de pequenos vales no SL de Arbo). Estruturalmente pódese dividir o territorio en dúas áreas diferenciadas; unha sucesión de aliñacións montañosas que parten do Faro de Avión, e unha sucesión de vales organizados polo Miño e os seus afluentes. O accidente orográfico máis destacado é a serra do Faro de Avión, situada no extremo meridional da Dorsal Occidental Galega. Esta serra pertence, no tocante á súa vertente O, integramente á comarca e enlaza no N coa serra do Suído, na cabeceira do río Tea. Segue unha dirección N-S, aínda que no seu tramo máis meridional pasa a ser NO-SL, cunha altitude media entre os 800 e 1.100 m, onde destaca o monte Faro de Avión (1.154 m) e o Pedroso (1.073 m). Desde a Dorsal Occidental Galega parten dúas aliñacións montañosas con dirección LNL-OSO. A primeira arranca en Pena Redonda (1.055 m) e delimita polo N o val do río Tea; posúe altitudes entre os 600 e 900 m, onde destacan o monte Bidueiros (948 m) e Pena Partida (904 m). A segunda das aliñacións delimita o val do Miño do do Tea e mantén altitudes comprendidas entre os 600 e os 975 m, onde sobresaen a Tilleira (908 m), o Alto de Montouto (805 m) e o Chan do Padrón (862 m). Entre estes montes dispóñense profundos vales: o primeiro corresponde co alto Tea que se abre cara ao O con altitudes entre os 200 e 400 m. O segundo é o val do Miño, que arranca no curso baixo do Miño e ao redor do que se abre unha estreita veiga con altitudes entre os 50 e 200 m. O clima deste espazo acusa a presenza de vigorosos relevos e conviven os dominios climáticos oceánico hiperhúmido con tendencia á áridez estival, o oceánico de transición e o oceánico de montaña. A disposición da Dorsal Occidental Galega, perpendicular aos ventos húmidos dominantes, repercute en precipitacións abundantes e dan como resultado unha gradación térmica entre as terras ribeireñas, máis cálidas e menos chuviosas, e as de montaña, moito máis frías e con abundantes chuvias. Esta contraposición tradúcese nos rexistros climáticos das terras máis baixas, cunha temperatura media anual de 15,3°C, unha media en xaneiro de 9°C e 22,5°C en xullo, e unha amplitude térmica extrema que acada os 22,6°C. As precipitacións anuais medias son de 1.124 mm, cunha distribución estacional que amosa unha notable seca estival co 11% das precipitacións, o 41% no inverno, o 23% na primavera e no outono un 25%. Nas terras máis altas, a temperatura media anual é de 11,8°C, cunha media en xaneiro de 6,1°C e de 17,8°C en xullo, e unha amplitude térmica extrema que acada os 20,4°C. A precipitación anual media é de 2.377 mm, cunha distribución estacional que amosa unha notable seca estival co 8% das precipitacións, o 36% no inverno, co 31% na primavera e o outono co 24%. A rede hidrográfica pertence integramente á conca do río Miño, no inicio do seu curso baixo. O Miño inicia o seu percorrido pola comarca cunha dirección N-S e discorre en meandros. Ao chegar ao encoro de Frieira toma unha dirección LNL-OSO, e recibe os seus tributarios, cunha dirección N-S, o Ribadil, o Deva e o Cea. Outro río con gran relevancia é o Tea, que atravesa o N da comarca no seu tramo alto. Nace preto da parroquia da Graña (Covelo) e, tras seguir unha dirección NL-SO, abandona a comarca na súa confluencia co río Alén. A vexetación natural é a consecuencia das distintas condicións climáticas, feito que fixo que aparecesen algunhas especies mediterráneas na beira do Miño como algúns exemplares de sobreiras, mentres que nas áreas montañosas e do alto Tea abunda a vexetación atlántica con carballos e bidueiras. Predominan as repoboacións de eucaliptos nos vales, e piñeiros nas áreas de superior altitude.
Xeografía humana
A poboación da Paradanta seguiu unha evolución globalmente negativa, ao perder un 31,45% dos seus efectivos respecto a 1900, e pasar de 25.318 h censados nesa data aos 17.356 en 2001. Este balance negativo é extensible á totalidade dos concellos, coa excepción de que a intensidade é diferente, de tal xeito que, se Covelo e Crecente perderon practicamente a metade da súa poboación, Arbo e A Cañiza tiveron un comportamento sensiblemente menos negativo. As causas das perdas viñeron dadas polo seu carácter eminentemente rural, só A Cañiza pode considerarse como un asentamento urbano, que favoreceu a emigración, fundamentalmente cara á comarca viguesa. A evolución demográfica ao longo do s XX non foi lineal, pois tivo leves altibaixos ata 1970, e unha diminución continuada a partir desa data. Entre 1900 e 1930 viviu unha etapa de estancamento levemente negativo, cunha perda de poboación a razón dun -0,13% interanual. Nesta fase, a emigración foi unha constante, pero sen grande intensidade e sen propiciar unha auténtica regresión demográfica. Por concellos, A Cañiza e Covelo perderon poboación, manténdose estables Arbo e Crecente. A década de 1930 foi de rápido crecemento, as dificultades para a emigración motivadas pola crise económica internacional e a Guerra Civil impulsaron o crecemento demográfico ata un 1,18% interanual, especialmente en Arbo, A Cañiza e Covelo (1,47%, 1,42% e 1,23% respectivamente) fronte á menor vitalidade de Crecente (0,49% interanual). A reactivación das correntes migratorias plasmáronse nunha etapa suavemente recesiva entre 1940 e 1960, que acadou unha taxa de crecemento interanual do -0,24%, comportamento que non seguiu Crecente, que medrou neste período un 0,54% interanual, caendo o resto dos concellos en maior ou menor medida (-0,85% para Arbo, -0,60% para A Cañiza e -0,88% para Covelo). A década de 1960 representou unha pequena recuperación (0,30% interanual) que apenas oculta comportamentos dispares, pois o crecemento concentrouse en Covelo (2,37% interanual), mentres Arbo e Crecente permaneceron estancados (-0,05% para o primeiro, 0,09% para o segundo) e A Cañiza seguiu minguando o seu censo (-0,90% interanual). A partir de 1970 a comarca entrou nunha profunda depresión demográfica. Á reactivada emigración dirixida cara a Vigo, uníronse as graves consecuencias do avellentamento da poboación. Desde o punto de vista vexetativo a taxa de crecemento interanual quedou fixada no -1,16%, sendo o proceso de despoboación especialmente grave en Covelo e Crecente (-1,72% e -1,83% interanual, respectivamente), e menos acusado en Arbo (-1,0% interanual), permanecendo estable a poboación da Cañiza (-0,13 % interanual). A composición por idades acusou o descenso demográfico, pois os menores de 20 anos representan o 18,15% e os de máis de 64 anos suman o 23,02%. Este moderado avellentamento repítese en maior ou menor medida en cada un dos concellos da comarca, co seu máximo en Covelo (os menores de 20 anos acadan o 16,93% e os de máis de 64 anos o 26,73%) e o mínimo en Arbo (os menores de 20 anos suman o 19,41% e os de máis de 64 anos o 20,64%). Desde o punto de vista da distribución da poboación por sexos predominan as mulleres co 52,62% da poboación comarcal, cun máximo en Crecente (54,51%) e un mínimo en Arbo (50,71%).
Xeografía económica
O sector primario representa unha porcentaxe escasa de poboación ocupada, o 8,6%. Esta porcentaxe acada valores máximos en Arbo (12,1%) e en Covelo (11,4%), e mínimos na Cañiza (5,7%) e Crecente (7%). O terreo cultivado representa o 10,18% da superficie, e destínase a millo (50,52% da superficie cultivada), seguido polo viñedo (15,44%) e as forraxes (4,91%). De entre os cultivos sinalados sobresae o viñedo ao estar acollido parte dos mesmos á Denominación de Orixe Rías Baixas. O espazo cultivado acada máis representatividade en Arbo e Crecente (16,97% e 14,10%, respectivamente) ca na Cañiza (10,32%) e Covelo (5,85%). Os prados e pastos posúen unha importancia marxinal, só o 5,38% do territorio responde a este uso, con máis relevancia nos concellos montañosos da Cañiza e Covelo, onde son numerosas as reses de gando cabalar en réxime de semiliberdade. O gando vacún concéntrase na Cañiza e destínase principalmente á produción de carne. A industria representa o 23,3% da man de obra, con variacións que oscilan entre o máximo da Cañiza (23,7%) e o mímimo de Covelo (17,6%) quedando con valores intermedios Arbo (22,6%) e Crecente (25,6%). A industria é escasa e só destaca algunha empresa de transformados metálicos, agroalimentación, serradoiros de maderas e extracción de rochas ornamentais. A construción representa o 16,4% da poboación ocupada; as diferenzas son escasas ao acadar o 18% na Cañiza e o 17,9% en Arbo, fronte aos mínimos de Crecente (14,7%) e Covelo (13,3%). A actividade neste sector é feble, priman os desprazamentos a vilas e cidades próximas como Vigo, Ponteareas ou Ourense. Os servizos son o sector máis importante desde o punto de vista do emprego, o 52,7 % da man de obra traballa neste sector, o 57,7% en Covelo, o 52,7% en Crecente, o 52,7% na Cañiza e o 47,4% en Arbo. Os servizos da comarca teñen unha falta de especialización, salvo na Cañiza, onde o tránsito pola estrada N-120 impulsou o seu papel como tradicional centro de intercambios deste territorio. A comarca está atravesada pola autovía A-55, de Vigo a Benavente, que atravesa de L a O terras da Cañiza e Covelo. Outras estradas importantes son a N-120, de Logroño a Vigo, que discorre parella á anterior, a C-531, de Pontevedra a Xinzo de Limia, que discorre de SL a NO polos concellos de Crecente, A Cañiza e Covelo, así como as estradas que enlazan A Cañiza con Arbo, prolongada cara a Portugal ao construírse a ponte internacional de Arbo, e a paralela ao Miño que comunica As Neves con Ribadavia. O ferrocarril atravesa tanxencialmente a comarca, discorrendo pola beira do Miño por terras de Crecente e Arbo.
Historia
Os primeiros vestixios arqueolóxicos atopados nesta comarca pertencen á cultura megalítica, da que destacan os elementos megalíticos atopados na Cañiza. Nesta zona tamén hai gravados rupestres como os da Pedra Cabalaria en Covelo, e xa de época castrexa destaca a citania de Chan de Bouzas na Cañiza e o castro de Santiago de Covelo en Covelo. Da ocupación romana deste territorio hai referencias escritas desta zona na obra de Tito Livio sobre as expedicións de Décimo Xuño Bruto polo Baixo Miño no s II a C. Ademais atopáronse materiais de época romana no castro de Crecente e unha estela funeraria en Arbo. Durante a Idade Media estas terras permaneceron baixo a autoridade do conde de Soutomaior, agás algúns feudos que estiveron en mans de mosteiros situados na mesma comarca ou na veciña do Ribeiro. Durante o Antigo Réxime a proximidade de Portugal provocou numerosos conflitos fronteirizos, sobre todo durante a Guerra de Secesión do país veciño que o enfrontou con España. A Guerra da Independencia tamén deu lugar a fortes enfrontamentos cos franceses, como o acontecido na Batalla de Arbo en 1809. Durante o Antigo Réxime a comarca pertenceu á provincia de Tui, dividida nas xurisdicións de Albeos, señorío do marqués de La Sierra; Arbo, señorío do conde de Salvaterra; As Achas, señorío do conde de Salvaterra; Crecente, señorío do duque de Soutomaior; Parada, señorío do marqués de Castelmayanco; Petán, señorío de María Xosefa Sarmiento; Covelo, señorío do conde de Amarante; e Sobroso, señorío do marqués de Sobroso. Os concellos que integran a comarca xurdiron a partir da división municipal de 1835, aínda que na primeira época do constitucionalismo creáronse municipios neste territorio, e coa nova división provincial integráronse na provincia de Pontevedra.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos castrexos e romanos mencionados destacan a igrexa parroquial de San Pedro e o mosteiro de San Paio de Albeos en Crecente; a igrexa de Santa Cristina de Valeixe e o santuario de Santa María da Franqueira na Cañiza; e o conxunto monástico barroco de San Martiño de Barcia de Mera en Covelo. Das mostras de arquitectura civil sobresaen os pazos da Moreira e da Almuíña en Arbo; o pazo de Valeixe e o pazo do Conde de Cervellón na Cañiza; e a ponte Mourentán en Arbo. Destacan tamén as pescarías construídas no río Miño para a pesca da lamprea. Da súa riqueza natural destacan os espazos naturais protexidos do Baixo Miño e o Río Tea, declarados ambos os dous Lugares de Importancia Comunitaria en 2001 dentro da proposta Rede Natura 2000. Das festas que se celebran na comarca destacan as de San Brais e San Bieito, a de Nosa Señora do Libramento, a romaría da ermida de San Fins e as festas gastronómicas de exaltación da Troita, da Lamprea e da Augardente en Arbo; a romaría da Virxe da Franqueira e a festa do Xamón na Cañiza; o San Pedro en Crecente; e en Covelo festexan a romaría da Virxe de Xestosa e a festa do Churrasco.