Paraíso, pórtico do

Paraíso, pórtico do

Pórtico situado no acceso principal da catedral de Ourense, construído durante o s XIII. A súa fábrica, ao igual que o resto do templo, estivo subordinada á influencia artística compostelá, -do contorno do mestre Mateo-, polo que manifesta importantes semellanzas co pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela. Está constituído por tres arcos, que dan acceso ás respectivas naves do templo e cuns soportes que se decoraron con estatuas-columna que representaban os profetas e os apóstolos. No arco de entrada á nave do Evanxeo ou nave do lado S, situáronse, dun lado, os profetas Oseas e Malaquías, e doutro, un profeta descoñecido xunto a Ezequiel e Habacuc, -cos seus nomes escritos nos seus respectivos rolos-. Nas xambas do arco central colocáronse, do lado esquerdo, os profetas Xonás, Daniel, Xeremías -caracterizado aquí como o Isaías compostelán- e Isaías -caracterizado como Moisés, sostendo as Táboas da Lei e apoiado no bastón; do lado dereito, os apóstolos Pedro, Pablo, Santiago e Xoán, coas súas correspondentes iconografías. Nas arquivoltas do arco central, colocáronse as figuras sedentes dos 24 anciáns da Apocalipse cos seus instrumentos musicais. O parteluz que divide o arco central está formado por seis baquetas lisas coroadas por un capitel historiado e unha imaxe de Santiago o Maior, que procedía dun dos altares menores da catedral e que se colocou aí en 1857. Destaca o capitel que o coroa, que, historiado nas súas catro caras, representa as tentacións de Xesús Cristo no deserto. Á dereita do arco central, no lado esquerdo do arco de entrada á nave da Epístola, representouse o Xuízo Final, en que os xustos son transportados ao colo dos anxos e os condenados arrastrados cara ao inferno e castigados coas peores torturas; sobresae a decoración do capitel central da esquerda, en que catro demos suxeitan con sogas a vítima do castigo, o avaro e blasfemo, e lle arrincan a lingua cunhas tenaces, ao tempo que este sostén unha bolsa con diñeiro. Nas xambas, representáronse os apóstolos Mateo, Andrés e tres máis, non identificables. En xeral, todas as figuras apoian os pés sobre motivos vexetais, alegóricos ou fantásticos. Os ángulos do pórtico serviron para colocar a catro anxos trompetistas, destinados a soster os arcos cruceiros e formeiros. Aínda que neles se empregou unha maior riqueza no tratamento dos panos, non se saíron da rixidez que caracterizou o conxunto. Durante o s XVI, algunhas partes do pórtico sufriron modificacións: fíxose a cuberta abovedada, policromáronse algunhas das estatuas-columna e colocáronse os retablos laterais, dedicados á Virxe do Paraíso, ao S, e a san Francisco Blanco, ao N. Tamén nos laterais se realizaron as pinturas neoclásicas que representan a san Cristovo e a santo Ildefonso asumindo a casula. Por outra banda, o arco central (do que se descoñece se algunha vez tivo tímpano), foi decorado con tracería gótica.

Palabras veciñas

Paraíba do Sul | paraíso | Paraíso, El | Paraíso, pórtico do | Parajanian, Sarkis | paraláctico -ca | paralalia