Pardo

Pardo
[HIST/HERÁLD]

Liñaxe moi antiga posiblemente de orixe galega. Unha das casas máis antigas e importantes foi a das Mariñas en Betanzos, onde se chamaron Pardo das Mariñas. Outra casa tivérona na torre de Miraflores, da que eran propietarios os condes de Lemos, que tamén eran señores da torre de Cela, e de aí que pasaran a chamarse Pardo de Cela. Estes, á súa vez, entroncaron con ilustres familias que deron orixe aos Pardo de Figueroa. Outras orixes deron lugar aos Pardo de Aguiar e aos Pardo de Lamas. Debido á cantidade de familias desta liñaxe, ostentan numerosos escudos de armas, entre eles os seguintes: en campo de ouro, tres piñeiros de sinople. Outra variante trae en campo de goles, unha aguia voante, de sable, coroada e armada de ouro. Outra trae en campo de goles unha cruz patriarcal, de ouro. Outra trae en escudo partido: primeira partición, de ouro, con tres faixas de goles e segunda en campo de prata, cunha faixa de sinople, acompañada de dúas cruces floreteadas do mesmo, unha no alto e outra no baixo. Outra trae, en escudo partido: primeira partición, en campo de azul, cinco piñeiros ao natural, e segunda partición, en campo de goles, un piñeiro con cinco flores de lis de ouro.