Pardo Bazán, Emilia
Escritora, condesa de Pardo Bazán. De familia nobre, trasladouse a Madrid en 1869, e alí entrou en contacto cos parladoiros literarios, o Ateneo e o mundo aristocrático, ademais de asistir con asiduidade ás sesións do Congreso. As súas viaxes por Francia, Inglaterra ou Italia foron moi enriquecedoras para a súa formación, e nelas coñeceu a diversos personaxes como os irmáns Goncourt e É. Zola. Foi unha muller cunha cultura literaria moi extensa, xa que leu con especial interese a autores da literatura europea da súa época como Juan Valera, Benito P. Galdós, Peray e Vitor Hugo, e sobre todo a un emerxente Émile Zola. A súa curiosidade intelectual estendeuse tamén a outros campos, como a filosofía e a ciencia. A súa produción literaria comezou coa publicación do libro de poemas Jaime (1876), dedicado ao seu fillo. Despois do éxito logrado con esta obra, o seu traballo literario centrouse na publicación de ensaios en revistas, feito que a colocou na vangarda da crítica literaria de finais do s XIX e principios do XX, xunto a Leopoldo A. Clarín. Destacan os que dedicou ao padre Feijoo, Dante ou ao folclore galego. Relacionado con esta última actividade, en 1883 publicou semanalmente na páxina literaria de La Época a obra La cuestión palpitante, onde expuxo as súas opinións sobre o naturalismo francés, do que foi a súa introdutora en España. Incorporouse ao mundo narrativo na década de 1880 e participou do característico desfase estético da novela en España. Así, nas súas tres primeiras novelas, Pascual López. Autobiografía de un estudante de medicina (1879), Viaje de novios (1881) e La tribuna (1883) manifesta unha clara influencia romántica, se ben no prólogo de Viaje de novios apunta un intento renovador con ideais feministas e realistas, que logo foron característicos da súa obra. En 1886 publicouse a súa novela máis importante, Los Pazos de Ulloa, claro exemplo da súa concepción naturalista da realidade. Nela presenta un medio natural que condiciona o comportamento dos personaxes, protagonizada por unha nobreza en plena decadencia económica e moral. Na súa continuadora, La madre naturaleza (1887), aproximouse de forma novidosa ao monólogo interior. A influencia do naturalismo pechouse coa publicación de La piedra angular (1891), unha viaxe ao mundo urbano coruñés, e entrou de cheo no realismo, con obras como Insolación (1889), Memorias de un solterón (1891) e Doña Milagros (1894), onde volve ao mundo urbano de Marineda. Na súa última época estableceu lazos co modernismo emerxente, se ben non deixou de lado o realismo, como se pode observar en La quimera (1905) e La sirena negra (1908). Tamén foi importante a súa produción contística, con máis de 700 creacións publicadas en xornais e revistas, e recollidas en diversas recompilacións, como Cuentos sacroprofanos (1899) ou Cuentos de Marineda (1900?). Gañadora dos Xogos Florais de Ourense (1876), foi a primeira muller en presidir a sección de literatura do Ateneo de Madrid (1906) e a primeira en ocupar unha cátedra de Literatura na Universidad Central de Madrid (1916).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña -
Deceso
Lugar : Madrid