Pardo de Cela, Pedro o Mariscal
Nobre e militar, segundo fillo de Xoán Núñez Pardo de Cela o Vello e de Tareixa Rodríguez de Aguiar. Ao morrer seu irmán maior herdou de seu pai todos os bens e señoríos que posuía, vinculados na súa maior parte aos Andrade. O seu matrimonio con Isabel de Castro, filla do I conde de Lemos e curmá de Isabel I a Católica, acabouno de situar entre a alta nobreza galega. Foi alcalde de Viveiro (1464) e xustiza e comendeiro do bispado de Mondoñedo. Na loita sucesoria polo Reino de Castela entre Isabel I e Xoana a Beltranexa, aliouse co arcebispo de Santiago de Compostela Alonso II de Fonseca e mostrouse partidario de Isabel. Participou no cerco a Pedro Madruga en Pontevedra. Despois do remate da confrontación e coa vitoria de Isabel I, a nova raíña e Fenando I de Aragón renovaron os privilexios, entre eles o título de mariscal, que o Rei Enrique IV lle concedera. Pero, a chegada a Galicia de Fernando de Acuña, como xustiza maior, e García López de Chinchilla, como corrixidor, para facer efectiva a autoridade real fronte ao poder dos señores, provocou a súa persecución. Aínda que contaba coa protección da raíña, mediante dúas cartas de seguro e amparo, foi apresado e executado en Mondoñedo.
Cronoloxía
-
Deceso
Lugar : Mondoñedo