Parga Pondal, Isidro

Parga Pondal, Isidro

Químico. Realizou o doutoramento en xeoquímica en Zúric. Foi profesor da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela, presidente da área de xeoloxía e minaría do Seminario de Estudos Galegos e director da revista Cuadernos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe. Participou na creación do Laboratorio de Xeoquímica da Universidade de Santiago de Compostela (1933) -o primeiro de España-, e foi fundador e director do Instituto Xeolóxico de Laxe (1940). Interesouse principalmente polo estudo da xeoquímica de Galicia e publicou numerosos traballos sobre mineraloxía e química de minerais, sobre o estudo dos minerais das zonas areosas das costas de Galicia, a xeoquímica de rochas volcánicas, plutónicas e metamórficas, a cartografía xeolóxica, a estratigrafía e os granitos. Das súas obras destacan Quimismo de las manifestaciones magmáticas cenozoicas de la Península Ibérica (1935), El conocimiento geológico de Galicia (1958) e Mapa petrográfico estrutural de Galicia (1963). Participou na elaboración do Mapa geológico de Galicia e noutras cartografías galegas, e realizou dúas cartografías de síntese do Macizo Hespérico Peninsular (1982). Foi presidente honorario da Academia de Ciencias de Galicia e recibiu, entre outros, o Premio Alonso Barba, o Pedrón de Ouro (1965) e a Medalla Castelao (1984), ademais de ser investido doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela (1983).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Laxe

  • Deceso

    Lugar : A Coruña