Paris

Paris
[MIT]

Príncipe troiano, fillo de Príamo e de Hécuba. Cando ía nacer súa nai soñou que daba a luz un facho e que este incendiaba a cidade de Troia. Príamo consultou ao adiviño Ésaco, quen lle dixo que o neno ía causar a ruína da cidade. Ao coñecer isto, Príamo mandouno matar, pero Hécuba negouse e abandonouno no monte. Alí aleitouno unha osa ata que Axelao o recolleu e o criou. Paris foi medrando e converteuse nun mozo de extraordinaria beleza e gran valor. Con ocasión das vodas de Tetis e Peleo, Éride (a Discordia) botou no medio deles unha mazá de ouro dicindo que se lle debía outorgar á máis fermosa das tres deusas: Hera, Atenea e Afrodita. Zeus decidiu que fose Paris o xuíz deste litixio. Despois de que cada unha das deusas lle prometese varios dons a Paris pola súa elección, Paris escolleu a Afrodita, quen lle prometera o amor da muller máis fermosa de todas as mulleres, Helena. Como consecuencia, Paris embarcou cara a Esparta e alí, aproveitando a ausencia de Menelao, conseguiu raptala. Este suceso provocou a coalición das polis gregas contra a cidade de Troia, a expedición dos gregos contra Ílion e a razón de que os gregos loitasen durante dez anos cos troianos. Esta historia inicia o argumento da Ilíada, da Odisea e da Eneida. A Ilíada preséntao combatendo contra Menelao e matando a Aquiles ao acertar cunha frecha no seu talón. Morreu vítima dunha frecha envelenada que lle disparou Filoctetes.