París, conca de

París, conca de

Rexión xeográfica de Francia que ocupa a cuarta parte do país. Esténdese entre o antigo Macizo Armoricano ao O, o Macizo Central ao S, Os Vosgos, As Ardenas e o país do Rin ao L, e queda aberta polo N en Manche. Pode reducirse a catro rexións: ao L, os altiplanos de Borgoña e Champagne; ao N e ao O, Picardie e Normandie; ao S, a zona do Loire, e, no centro, Île-de-France, rexión de altiplanos e vales dispostos arredor de París. Toda a área pertence hidrograficamente ás concas do Sena e do Loire, agás o sector nororiental, que xa forma parte das concas do Mosa e do Moselle. O clima pasa progresivamente de oceánico, preto de Manche, a semicontinental ao L, e no centro e no S é bastante seco. Dentro da actividade económica predomina o gran foco industrial da aglomeración de París. Certas zonas, como Champagne e sectores de Borgoña (Chablis), producen recoñecidos viños de calidade.