Parlamento de Galicia
Asemblea lexislativa configurada pola Constitución española de 1978 en que se delimitaron os sistemas de goberno que deben ter as comunidades autónomas e a súa organización institucional (artigo 152.1) conforme ao modelo estatal no aspecto concreto que se refire ás relacións entre parlamentos (unicamerais) e gobernos autonómicos.
Antecedentes históricos
O Parlamento de Galicia ten a súa orixe máis inmediata no texto de 1981. Un antecedente remoto podería estar no Proxecto de Constitución para o Estado Galaico de 1887 aprobado polo Partido Republicano Federal, onde se fala, no título V da Asemblea Rexional. Lois Peña Novo referiuse tamén á Asemblea da Mancomunidade Galega, pero foi no democrático contexto de recuperación de liberdades dos pobos da Segunda República Española onde naceron os precedentes inmediatos das presentes institucións autonómicas, sobre todo, no que se aprobou na Asemblea de Concellos de Galicia en 1932 e se plebiscitou de modo afirmativo polo pobo galego en 1936, aínda que a denominación daquela prevista para o parlamento era de asemblea. Ao rematar o Franquismo, retomouse esta histórica designación no anteproxecto de Estatuto do “grupo dos 16”, pero esta desaparecería no “Estatuto da aldraxe” ao ser substituída pola de parlamento, que permanecería no texto definitivo de abril de 1981, que en decembro referendou o pobo galego.
Composición, organización e funcionamento do Parlamento de Galicia
O Parlamento de Galicia está constituído por deputados elixidos democraticamente polo pobo galego mediante sufraxio universal, igual, libre, directo e secreto, de acordo cun sistema de representación proporcional que debe asegurar, ademais, a representación das diversas zonas do territorio para un prazo ou lexislatura de catro anos. Está composto por 75 escanos repartidos entre as catro circunscricións provinciais do territorio galego, correspondéndolle 24 á Coruña, 22 a Pontevedra, 15 a Lugo e 14 a Ourense. O Estatuto de Autonomía posibilitou que a cifra total de parlamentarios se poida incrementar ata un máximo de 80 se así o decide a cámara mediante lei. Os modernos parlamentos son órganos complexos que subdividen, articulan e distribúen as súas tarefas entre unha multiplicidade de organismos internos. Por un lado, están os denominados órganos reitores, Presidente e Mesa, composta polo presidente do Parlamento, dous vicepresidentes, un secretario e un vicesecretario, elixidos polos parlamentarios de entre eles na sesión constitutiva da cámara. O Presidente ostenta a súa representación e teñen como misión fundamental organizar o traballo, o réxime e o goberno interior do Parlamento de Galicia. Do outro lado, a continuidade da cámara garántese nos períodos en que non se encontre reunida (vacacións parlamentarias, ciclo de tempo entre lexislaturas) pola Deputación Permanente, composta por un mínimo de once membros que representarán os grupos parlamentarios en proporción á súa importancia numérica no pleno. Trátase de evitar baleiros de poder no lexislativo galego. Os grupos parlamentarios son os principais protagonistas das asembleas lexislativas e pódese afirmar que substituíron os roles dos parlamentarios individuais no traballo das cámaras. Están formados pola agrupación de deputados afíns ideoloxicamente ou pertencentes a unha mesma agrupación ou partido político. A pesar da dificultosa situación da súa natureza xurídica os grupos son transmisores das directrices do partido político que posibilitou a elección dos seus membros como parlamentarios. Para a súa formación precísanse un mínimo de cinco membros e aqueles deputados que non se inscriban en ningún grupo que cumpra os requisitos regulamentarios quedarán obrigatoriamente encadrados no denominado grupo mixto. A Xunta de Portavoces está composta polos representantes ou voceiros dos mesmos máis o presidente da cámara, e ten como función principal a de fixar a orde do día do Pleno. As súas decisións adóptanse mediante voto ponderado, polo que os votos dos portavoces teñen o valor do número de deputados que compoñen cada grupo parlamentario no conxunto da cámara. Seguindo os canons clásicos do dereito parlamentario, o Parlamento galego ten autonomía normativa, establece o seu propio regulamento con rango de lei; autonomía orzamentaria, elabora o seu propio orzamento; e autonomía de goberno e de administración internas, todo para garantir a súa independencia respecto dos restantes poderes. Así mesmo, os deputados son beneficiarios dun estatuto xurídico que contén dereitos, deberes e prerrogativas que perseguen asegurar a liberdade e independencia da cámara e dos seus compoñentes. O Estatuto de Autonomía establece que os deputados non estarán suxeitos a mandato imperativo. O Parlamento de Galicia opera en Pleno e en comisións. Estas preparan o traballo do Pleno, non o substitúen, pero, simultaneamente, está permitida a delegación nelas da práctica totalidade das tarefas parlamentarias. Operan como plenos a escala reducida; están formadas polos membros que designen os grupos parlamentarios en proporción á súa importancia numérica na cámara, tendo que ter todos, polo menos, un representante e están rexidas por unha Mesa e unha Presidencia. As comisións poden ser permanentes ou non permanentes, con capacidade lexislativa delegada polo Pleno ou sen ela. Existe un procedemento necesario para dar validez aos actos parlamentarios. Así, a cámara debe ser convocada polo Presidente de forma regulamentaria cunha orde do día dos temas que se van tratar na sesión, e debe existir quórum para adoptar acordos. Os temas teñen que debaterse e, finalmente, debe producirse unha votación para a toma de decisións parlamentarias. A regra xeral para a súa validez é a da maioría simple, aínda que, en ocasións, son requiridas maiorías especiais (absoluta ou cualificada). O voto é individual e non se pode delegar. Cabería distinguir entre as funcións clásicas, propias de todos os parlamentos, e as funcións específicas, características do modelo de organización territorial autonómico español. Das primeiras cumpriría destacar a función lexislativa a través de proposicións de lei, a aprobación do orzamento xeral da comunidade autónoma que, na práctica, se limita a un debate sobre a política económica do executivo e a función de control da Xunta de Galicia e de esixencia, no seu caso, de responsabilidade política. O Parlamento de Galicia posúe diversos instrumentos de control parlamentario que constitúen o núcleo máis destacado das funcións da Cámara, entre eles, destacan as preguntas, as interpelacións, as comisións de investigación, a cuestión de confianza e a moción de censura, mecanismos estes dous últimos mediante os que o Parlamento pode provocar a caída gobernamental antes da fin da lexislatura e a súa substitución por outro goberno, xa que se trata dunha censura de carácter construtivo, é dicir, esixe a presentación dun candidato alternativo á presidencia da Xunta de Galicia. En relación coas peculiares funcións do Estado autonómico que lles competen aos distintos parlamentos das comunidades, entre eles o galego, destacan a designación dos senadores que lle corresponden á comunidade autónoma no Senado en proporción á importancia numérica dos grupos políticos no Parlamento, a posibilidade de interpoñer recursos de inconstitucionalidade perante o Tribunal Constitucional e a capacidade de iniciativa lexislativa nas Cortes Xerais e de reforma da Constitución.
A praxe política
Os parlamentos e as relacións mutuas entre os poderes lexislativo e executivo están determinantemente mediatizadas polo fenómeno do control das institucións por parte dos partidos políticos nos sistemas democráticos contemporáneos do noso contorno. A disciplina que impoñen os dirixentes dos partidos políticos, detentadores case do monopolio da representación popular, aos seus membros nos distintos órganos institucionais é ríxida e non deixa excesivas marxes á actuacións fóra das directrices da cúpula do partido. Deste modo, altérase todo o xogo interrelacional entre parlamento e goberno, xa que a dialéctica política non se establece tanto entre eles dous, senón entre o partido que posúe a maioría no parlamento e, xa que logo, determina a formación do goberno, e as forzas políticas que compoñen a minoría parlamentaria ou oposición. Ademais, a transformación de roles dos distintos poderes que implicou o asentamento do estado social de dereito, concedeu un papel protagonista aos gobernos en detrimento dos parlamentos, gobernos que contan con capacidade lexislativa. O caso galego non supón ningunha excepción a este tipo de comportamentos, pois a consolidación de continuadas maiorías absolutas desde 1989, acentuou a secundarización do poder lexislativo no sistema político da autonomía galega.