paro

paro

(< 2 parar)

    1. s m

      Acción de deter ou deterse.

    2. paro cardíaco [MED]

      Interrupción dos latexos do corazón por falta de actividade eléctrica efectiva para a contracción do músculo cardíaco. En moitos casos non representa máis ca o estado final dun proceso mórbido irreversible; outras veces, dáse en persoas aparentemente sans ou afectadas por enfermidades curables.

  1. s m

    Interrupción da actividade laboral. Os motivos que o provocan por parte dos traballadores poden ser a demanda de aumento de salarios, as reclamacións sobre a organización do traballo ou conflitos xerárquicos. O paro provocado pola empresa chámase lock-out.

  2. [ECON/SOCIOL]
    1. paro crónico

      Desemprego producido por unha depresión económica que fai normal a situación de subocupación.

    2. s m

      Inactividade forzosa debida á falta de traballo. Distínguese entre paro voluntario, cando o obreiro non acepta traballar por un salario considerado baixo ou nun lugar ou oficio inaceptables socialmente, e paro forzoso se non hai traballo. A finais do s XIX e comezos do s XX producíronse periodicamente aumentos no nivel de paro a causa das constantes crises industriais e agrícolas. Os grupos socialistas abordaron este problema nos parlamentos e achegaron as primeiras leis para solucionalo, pero foi coa gran crise da década de 1930, que provocou un grande aumento do desemprego, cando os economistas do mundo occidental, entre eles John M. Keynes e William H. Beveridge, lle dedicaron unha atención especial. A partir de 1973, converteuse nun problema fundamental, motivado en parte pola crise enerxética, que comezou a pechar empresas e a deixar xente sen traballo. Por sectores afecta en maior medida á industria, aos servizos e á construción e polo que respecta á poboacción incide máis aos que buscan a primeira ocupación e ás mulleres. Xeograficamente incide nas comarcas máis fortemente industrializadas. OBS: Tamén se denomina desemprego.

    3. paro cíclico/ conxuntural

      Desemprego crónico ligado a un período cíclico.

    4. paro encuberto

      Forma de paro caracterizada pola existencia de ocupacións aparentes, que teñen unha remuneración e unha produtividade moi baixa ou case nula. É equivalente á locución inglesa concealed unemployment. As ocupacións domésticas son unha forma de paro encuberto.

    5. paro estacional

      Paro producido en épocas determinadas, en proporcións semellantes, nun mesmo sector, e ao que se chegou a causa dunhas condicións atmosféricas desfavorables, como a construción no inverno, ou por motivos climatolóxicos e xeográficos, como a industria hoteleira.

    6. paro estrutural

      Desemprego motivado por unha escaseza de capital en comparación a unhas grandes dispoñibilidades de traballo ou por problemas de localización espacial. A consecuencia pricipal é que moitos dos traballadores necesitarán un readestramento para axustarse ás novas oportunidades de traballo.

    7. paro friccional

      Desemprego que afecta aos que non traballan por causa dun cambio de empresa, de domicilio, ou de oficio. Presuponse que o desempregado non atopará de forma inmediata un novo traballo. O paro fricional está causado polo funcionamento do sistema económico capitalista. John M. Keynes considerou que é o proceso necesario para a mobilidade do traballo.

    8. paro tecnolóxico

      Paro causado pola introdución de novas técnicas na produción, nas que se automatiza o proceso e teñen como consecuencia un nivel inferior de ocupación. É o caso da mecanización do traballo agrícola tradicional e da automatización.

  3. s m
    1. Situación da persoa que non encontra traballo.

      Ex: Traballou tres meses e agora está no paro.

    2. Conxunto de individuos que non encontran traballo.

      Ex: O paro aumentou este ano.

  4. s m

    Prestación por desemprego que reciben os parados.

    Ex: O paro que lle dan só lle dá para o aluguer.