Parque Nacional das Illas Atlánticas

Parque Nacional das Illas Atlánticas

Espazo natural protexido situado na costa atlántica galega, formado polos arquipélagos das Illas Cíes, de 2.658 ha marítimas e 433 ha terrestres; o arquipélago das illas Ons, de 2.171 ha marítimas e 470 ha terrestres; a illa de Sálvora, de 2.309 ha marítimas e 278 ha terrestres; e as illas de Cortegada, Malveiras e illas próximas, de 43,8 ha terrestres.
Proceso de declaración e historia
O proceso que sufriron as illas ata chegar ata este estado de protección comenzou coa declaración do arquipélago das Illas Cíes como Parque Natural en 1980 e de zona especial para aves (ZEPA, 1999). En 1999 aprobouse mediante o Decreto 274/1999 o Plan de Ordenación dos Recuros Naturais (PORN) debido á necesidade de contar cun instrumento de planificación dos recursos naturais que permitira acadar os obxectivos preestablecidos en materia de conservación e harmonizase todos os intereses, tanto o uso sostible como o goce destes espazos naturais. A Comunidade Autónoma de Galicia incluíu en 2001, dentro da Rede Natura 2000, as Illas Cíes e a illa de Ons dentro do Complexo Ons-O Grove, e a illa de Sálvora dentro do Complexo Dunar de Corrubedo, pola necesidade de adecuar a protección dos espazos galegos ás directivas europeas para así garantir a conservación e a biodiversidade dos hábitats naturais. Con estes antecedentes presentouse a necesidade de dotar estes espazos dunha figura de protección máis ampla e a necesidade de representar os sistemas naturais ligados a zonas costeiras e á plataforma continental da rexión eurosiberiana, polo que en 2000 se elaborou a proposición de lei que se aprobou o 2 de xullo de 2002 que declaraba o Parque Nacional das Illas Atlánticas como décimo terceiro parque da Rede de Parques Nacionais españois. A historia das illas remóntase á posibilidade de que na illa de Sálvora houbese asentamentos de poboación, e tanto nas Illas Cíes como na illa de Ons existen restos arqueolóxicos castrexos que constatan a existencia de poboadores desde antigo, concretamente nas Cíes hai antecedentes na Idade de Bronce e de Ferro. Hai datos de autores que as identifican como as illas Casitérides e outros autores refírense a elas como as illas dos deuses. Durante os séculos XVI, XVII e XVIII sufriron ataques dos piratas que provocaron, como no caso do ataque de F. Drake, que a poboación abandonase os arquipélagos.
Xeoloxía e clima
O clima das illas correspóndese cun clima mediterráneo húmido e oceánico que presenta temperaturas medias de 12-16°C e precipitacións de entre 900 e 1.600 mm. Predominan os xistos, o granito e o gneis e son produto da oroxenia alpina que ocorreu durante o Terciario. As costas son abruptas e irregulares, con importantes depósitos areosos e cantís. A maior parte das unidades edáficas son produto da alteración e modificación sufridas durante os asentamentos históricos das illas a excepción daquelas zonas de difícil acceso.
Flora e fauna do medio terrestre
A flora das illas pertence ao sector galaico-portugués, da provincia cántabro-atlántica, da superprovincia atlántica, da rexión eurosiberiana. Destaca a presenza de 55 endemismos das illas, cantís, praias, dunas e da marisma-lagoa. Dous dos valores vexetais máis importantes son Corema album e de Armeria pungens, que están incluídos dentro das 417 especies de plantas vasculares que se coñecen. O medio forestal presenta un alto grao de transformación, a vexetación orixinal potencial podería estar formada por cerquiños (Quercus pyrenaica) e salgueiros (Salix), podendo ser a vexetación potencial as asociacións Rusco aculeati-Quercetum roboris, que foron substituídas. Esta vexetación atópase nun estadio intermedio de evolución debido á deforestación, aos incendios e á plantación de especies foráneas como o piñeiro (Pinus pinaster) e o eucalipto, que se caracterizan por un crecemento moi rápido e que desprazan de xeito especialmente preocupante a vexetacióin dunar. Hai que destacar como espazos de especial importancia, e incluídos tamén na Directiva Hábitats de protección, os hábitats de vexetación anual que crece sobre os restos mariños acumulados como Angelica pachicarpa, os cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas, pasteiros salinos atlánticos (Glauco-Pucinellietalia maritimae), dunas móbiles embrionarias, dunas móbiles de litoral con Ammophila arenaria (dunas brancas), dunas costeiras fixas con vexetación herbácea (dunas grises) e urceiras húmidas atlánticas meridionais de Erica ciliaris e E. tetralix. En canto á fauna, hai citados 63 invertebrados protexidos en convenios internacionais que inclúen dúas especies de cnidarios, un nemertino, seis moluscos, un anélido, dous equinodermos e 51 artrópodos que comprenden dous arácnidos, un decápodo, sete odonatos, dous ortópteros, un mantoideo, dous neurópteros, dez coleópteros, un díptero, 23 lepidópteros e dous himenópteros. En canto aos vertebrados hai un total de 150 especies que inclúen cinco especies de anfibios (como Salamandra salamandra, Triturus boscai e Discoglossus galganoi), nove especies de réptiles (como Lacerta lepida e Elaphe scalaris), 124 especies de aves, das que destacan as colonias de gaivota patiamarela (Larus cachinnans) con 22.000 parellas reprodutoras que constitúen a máis numerosa colonia mundial, e o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) que con 2.000 parellas reprodutoras forma a máis numerosa colonia do suroeste europeo e constitúe unha importante representación das poboacións mundiais desta especie. Tamén están presentes algunhas parellas de gaivota escura e de paíño común, ambas as dúas escasas na Península Ibérica. Nos cantís aniñan o falcón peregrino, a pomba brava, o corvo, a gralla, a choia biquivermella, o cirrio grande, o carrán e numerosas limícolas e algunhas especies de mamíferos.
Flora e fauna do medio mariño
Os ecosistemas mariños caracterízanse por presentar augas moi claras con temperaturas medianamente frías, 13-16°C no inverno e 12-18°C no verán, e cunha salinidade de 33-36‰. Dáse nestas augas o fenómeno de afloramento en que, debido ao descenso da auga superficial, ten lugar o ascenso das augas do fondo ricas en nutrientes. Nestas augas viven máis de 200 especies de algas que levan asociados numerosos invertebrados e peixes que se alimentan e habitan nelas. Identificáronse 33 especies de algas verdes, 122 de algas vermellas, 56 de algas pardas e certas fanerógamas mariñas como Zoostera marina e Z. noltii, e dentro da fauna mariña, identificáronse 25 especies de poríferos, 18 de cnidarios (como Lophogorgia e Eunicella verrucosa), oito de anélidos (como Salmacina incrustans), 51 de moluscos, 27 de crustáceos, 21 de equinodermos (como Strichastrella rosea), 11 de ascidiáceos e tres de briozoos (como Pentapora foliacea). Dentro dos réptiles mariños hai documentación sobre dúas especies de tartarugas e en canto aos mamíferos hai o golfiño de cabeza grande, a marsopa e a foca gris.
Usos do Parque
Debido á finalidade conservativa do Parque Nacional, neste espazo só está permitida a explotación dos recursos naturais mariños mediante técnicas de pesca e marisqueo artesanais de carácter profesional e o desenvolvemento ordenado de actividades tradicionais agrícolas e gandeiras. É prioritaria a ordenación das actividades turísticas e recreaticas, así como as actividades educativas, científicas e de xestión.